En 2021cumpriranse 500 anos da conquista de México e o Grupo Parlamentario de VOX quere celebrala como a xesta merece. Por iso, ademais da frivolidade de instar ao goberno español a acadar un acordo co goberno mexicano e conmemorala nos dous países, propón que en España se elabore material didáctico para os escolares sobre a figura de Hernán Cortés e a conquista de México; facer documentais, entrevistas a historiadores e debates en RTVE; erixir monumentos a Cortés e outros conquistadores; e crear un roteiro turístico-cultural polos lugares relacionados con eles.
A última vez que se celebrou polo grande a presenza de España en América foi en 1992, cando o goberno de Felipe González arranxou a Exposición Universal de Sevilla para conmemorar o V Centenario do Descubrimento. Daquela reconstruíronse as carabelas, restauráronse monumentos. editáronse documentos históricos en facsímil, celebráronse congresos, exposicións, toda clase de actividades culturais e eventos deportivos como a Regata Náutica Colombina entre Moguer e Miami.
Un retranqueiro preguntou á Comisión Nacional para la Conmemoración del V Centenario:
-E os indios? Onde están os indios?
Non estaban e o retranqueiro propuxo facer un congreso que reunise en La Rábida a cen líderes das comunidades indias de América. Non se fixo e nin sequera se invitou a Rigoberta Menchú, a indíxena guatemalteca que aquel mesmo ano recibiu o Nobel da Paz.
VOX tampouco conta cos indios mexicanos na súa proposta de celebración e eu nada tería que dicir se non afirmase que México non foi un campo de recursos económicos a disposición dos conquistadores, senón unha verdadeira Nova España que integrou aos indíxenas, elevounos á civilización e deulles a posibilidade de acadar a salvación eterna.
Non foi así aínda que as Leis de Burgos, de 1512, con razón consideradas precursoras da Declaración dos Dereitos Humanos, daban aos indíxenas natureza xurídica de persoas libres e protexíanos de calquera abuso. Pero aquelas leis nunca se cumpriron e, ademais, en 1523, Carlos I, fixo oídos a quen non debería e autorizou a escravitude “si los indios no quieren venir a nuestra obediencia”. Arrepentiuse e, en 1526, “informado de los muchos abusos que cometen los soldados, que promueven guerras injustas contra los indios con la finalidad de esclavizarlos” derogou as licencias anteriores; pero nada cambiou e dous anos despois seguía enviando ordenanzas á Audiencia e prelados de México para que liberasen os indios sometidos á escravitude.
Nin sequera tivo éxito o papa Paulo III coa bula Sublimis Deus, de 1537, ao decretar que os indios non podían ser reducidos a servidume; e cando, en 1542, Carlos I promulgou as chamadas Leyes Nuevas “para la gobernación y buen tratamiento de los indios”, as protestas xeralizadas foron tan violentas, que en Perú decapitaron ao virrei Blasco Núñez, encargado de aplicalas. Aínda en 1551, na Junta de Valladolid, rifaban Bartolomé de las Casas e o teólogo Juan Ginés de Sepúlveda, que falaba de “la justa guerra y la justa esclavitud”.
VOX non o faría, pero unha conmemoración oficial en España debería dar voz á poboación indíxena mexicana, aínda que non gustase o que dixese.