Puntadas sen fío: Volver ao centro

Alberto Núñez Feijoo y Pablo Casado por Siro
Alberto Núñez Feijoo y Pablo Casado por Siro

A estas alturas da película xa sabemos que Pablo Casado é, por idade, un home feito e dereito, pero de mentalidade infantil. Un rapazolo sen personalidade, que segue ao santón da súa devoción –San José María Aznar, o da ollada coma brasas que ninguen pode aturar, e que, por certo, desde a noite electoral seica anda con Wally- e, por imperiosa necesidade, a un pecador de éxito contrastado como Alberto Núñez Feijóo, por máis que a diferencia ideolóxica entre un e outro modelos sexa notable. É a vantaxe de non ter ideas propias: pode ir cos da feira e volver cos do mercado; pode adourar a Aznar e a Feijóo polas respectivas peanas e surrir de orella a orella, como se pasar da dereitona ao centro, dun día para outro, fose en política o máis natural do mundo.  

Pode que Pablo Casado non o saiba, pero iso é demagoxia. O mestre Ortega explicouno moi claramente: <La demagogia trata de convertir a los ciudadanos en estúpidos cultivando su ignorancia y sus más bajas tendencias, el simplismo, el odio y el sectarismo, entre otros>. De odios e sectarismo deu probas infinitas Pablo Casado na campaña electoral; de simplismo está a dalas agora.

Antes da debacle electoral, Casado e Abascal eran os Cástor e Pólux da política española, dous irmáns nados dun mesmo ovo de Aznar, obrigados a entenderse, porque, como dixo Casado a Jiménez Losantos nun programa radiofónico: <¿para qué vamos a andar pisándonos la manguera entre nosotros, si apenas existen diferencias programáticas entre el PP y Vox?>. E engadiu que Vox podería entrar nun goberno do PP, sen as liñas vermellas que se marcaron en Andalucía. A invitación fíxoa extensiva a Ciudadanos, naturalmente. Pois ben, despois da desfeita electoral e ante a próxima cita, Casado descobre que Vox é a extrema dereita, Ciudadanos a socialdemocracia, e el, envolto na bandeira do PP e baixo o lema <Centrados no futuro>, co arruallo do mesmísimo Luís XIV de Francia, proclama: <O centro son eu>.

Simplismo demagóxico foi equiparar a súa derrota á de Rajoy en 2008, cando Rajoy obtivera 154 escanos contra os 169 do PSOE e el 66 contra os 123 de Pedro Sánchez. Evidentemente o máster que fixo e non fixo, pero non fixo e fixo, non era de matemáticas e cre, coitadiño, que todos contamos polos dedos.

O peor da campaña de Casado, o verdadeiramente noxento, foi o ataque permanente á figura de Mariano Rajoy, que a fichaxe de Cayetana Álvarez de Toledo, presentada por Casado como a Messi do PP, non fixo máis que agravar. Se Cayetana o acusara de todos os males do partido e de non saber combater o nacionalismo catalán, xa en campaña se dirixiu aos líderes de Vox para lles propor que se integrasen no PP, porque Rajoy xa se fora. Ata acusou a Núñez Feijóo de ser “igual de dañino para España que los nacionalistas> porque <su política lingüística no difiere esencialmente de la de cualquier nacionalista”.

Rajoy, que ao deixar o cargo dixera: “Me aparto, pero no me voy” e prometera lealdade ao sucesor, cumpriu e pediu o voto para o PP de Casado en Pontevedra. Feijóo, que de boa gaña daría unhas chaparretas ao Casado, rapazolo irresponsable e lingoreteiro, coleao, límpalle as bágoas e os mocos, aconséllao e dalle azos. Non vaia ser o demo que se repita a hecatombe e o chamen de Madrid para desfacer o entorto. É sibilino.

Deixa un comentario