Puntadas sen fío: Unha foto en La Voz

Unha foto en La Voz por Siro
Foto: Xoan A. Soler (La Voz de Galicia)

O pasado domingo quedei engaiolado cunha foto publicada por este xornal. Era a dunha nai xove que, amorosa, bota a man polo ombreiro a un fillo mozo, cuspidiño a ela. Esa semellanza e a alegría que transmitían foi o que me levou a ollala demoradamente. O título e o antetítulo da crónica fixeron que me interesase aínda máis: “Cuando me corté la melena y me vi como un chico, supe que ya era yo”. “Eric Gómez, joven trans, afirma que fuera del armario se vive mejor que dentro“.

Nun traballo xornalístico excelente Enma Araújo informaba de que, hai 16 anos, Eric naceu nena e como nena e rapaza viviu ata que no pasado mes de outubro sorprendeu á nai cunha confesión que, neste caso, fortaleceu a relación familiar, pero noutros convértea en traxedia: “Mamá, coido que son transexual”. Agora Eric disponse a andar o camiño para trocar o nome e o sexo, a carón da nai; moi distinto ao dos que queiran facelo baixo o maxisterio da Igrexa, enfrontada á Lei de Transexualidade aprobada pola Comunidade de Madrid en 2016.

Os bispos de Alcalá e Getafe enviaran unha carta aos seus fregueses para advertilos de que tal lei é parte dun proxecto global contra a civilización cristiá. A pastoral era tan reaccionaria que o bispo de Madrid non quixo asinala e o máis importante colectivo de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais denunciou aos autores por un suposto delito de incitación ao odio, que tamén me pareceu unha esaxeración.

Entre os argumentos contra a lei que permite o cambio de sexo, os bispos afirmaban que ninguén é dono do seu corpo porque ninguén se fai a si mesmo e todos somos creados “por la infinita sabiduría de Dios”. Todos? Homosexuais, lesbianas e transexuais tamén? Daquela, por que a Igrexa os perseguiu durante séculos, hoxe non os acepta e quere sometelos a terapias para trocar a súa orientación sexual, como está a facer o bispado de Alcalá?

A denuncia desas terapias fixo que a Conferencia Episcopal defendese ao prelado, acusando de manipulación aos detractores e afirmando que os católicos poderán atopar orientación no maxisterio da Igrexa, que, “como el Buen Samaritano, se acerca a esta realidad con amor y comprensión”.

Con amor quizais, con comprensión non parece, e coma o Bo Samaritano seguro que non. Nesa parábola fala Xesús dun home asaltado por ladróns que o deixaron medio morto no camiño e dun sacerdote e un levita que o viron e deron un arrodeo para non axudalo. Fíxoo un samaritano que lle curou as feridas, levouno á pousada e deu cartos ao pousadeiro para que o atendese. A parábola é un recordatorio de que a fe debe manifestarse a través das obras, como fai decote o papa Francisco; como fixo con Diego, un estremeño católico que cambiou de sexo aos 48 anos. Francisco recibiuno no Vaticano e díxolle: “¡Claro que eres hijo de la Iglesia!”.

Pero esta actitude de Francisco, ao meu entender profundamente cristiá, fai que no seo da Igrexa se multipliquen as voces que o acusan de predicar herexías e de preparar a chegada do Anticristo.

Resúltame todo tan morboso que volvo á foto de Eric e a nai para participar da súa liberdade e alegría. Para rir con eles.

Deixa un comentario