Puntadas sen fío: Ucraína no corazón

Puntadas sen fío: Ucraína no corazón por Siro
Puntadas sen fío: Ucraína no corazón por Siro

No outono de 1956, o exército ruso acabou en poucos días co movemento revolucionario que xurdira en Hungría contra a política imposta pola Unión Soviética. Os húngaros querían liberdade de pensamento, expresión e reunión; pluralidade de partidos políticos e a saída das tropas de ocupación rusas; pero a represión causou miles de mortos, deportados a Siberia e exiliados. Moscú cualificou a rebelión de “feixista” e os partidos comunistas europeos, incluído o PCE de Dolores Ibarruri e Santiago Carrillo, aceptaron e fixeron súa a xustificación. En 1968, o Partido Comunista de Checoslovaquia quixo reformar o socialismo stalinista dos dirixentes fieis a Moscú para crear unha sociedade libre; e de novo os tanques rusos puxeron fin a aquela experiencia, chamada Primavera de Praga. Esta vez o PCE non tragou; condenou a invasión, e a Pasionaria e Carrillo fixéronllo saber ao PCUS e ao presidente Brezhnev. E agora, cando Putin entrou en Ucraína no cabalo vermello da Apocalipse, o PCE condena sen reservas a invasión e Yolanda Díaz apoia a decisión do Goberno de enviar armas á resistencia porque, como dixo Borrell na Eurocámara: “Ninguén pode ollar de esguello cando un agresor poderoso agrede, sen xustificación, a un veciño moito máis feble. Ninguén pode invocar a resolución pacífica dos conflitos, ninguén pode poñer en pé de igualdade o agredido e o agresor”.

Home, poder, pódese e faise. Aí están Esquerra, Podemos, o Bloque e Bildu opoñéndose ao envío de armas á resistencia ucraína, por pacifismo. Pode que as cen persoas que viron como media ducia de salvaxes mataban a couces a Samuel na Coruña, non se enfrontasen a eles por seren todos pacifistas. Seguro que Echenique e a ministra Belarra e o deputado Néstor Rego, que pediu a retirada dos efectivos españois e a disolución da OTAN, entenden e lamentan o sufrimento e a impotencia da poboación ucraína bombardeada polos rusos; e lamentarán, estou certo, que os mercenarios de Putin consigan asasinar ao presidente Zelenski; pero non os axudan a defenderse por pacifismo. O pacifismo do BNG levou á Executiva a dar a coñecer un comunicado tan incoloro, inodoro e insípido contra a guerra en Ucraína, que, coma o de Díaz Ayuso preguntando cantas vidas salvarían as mascariñas do irmán, semellaba un chiste nun pregón do Entroido. Ana Pontón viuse na obriga de comparecer no Parlamento Galego e dicir: “Ucraína está sufrindo as consencuencias dunha cruel invasión de Rusia que o BNG condena con toda a rotundidade”.

Claro que é unha invasión cruel e o peor está por chegar. Os analistas políticos que estudaron a Putin din que non é un comunista ortodoxo e pode que nin sequera sexa comunista; pero ten o apoio popular nas eleccións; o da oligarquía económica e o da extrema dereita, mesmo a de inspiración nazi. Á Unión Europea comeulle as papas, hai tempo, e sabe que a Ucranía será súa. Por iso quixera poder chegar aos pacifistas españois e recordarlles que tamén as democracias europeas deixaron caer a República ante o exército de Franco, apoiado por alemáns e italianos. E quixera repetir para eles, co pobo ucraíno, os versos que Neruda escribiu en España en el corazón: “Preguntaréis: Y dónde están las lilas/ y la metafísica cubierta de amapolas?/ (…) Venid a ver la sangre por las calles. Venid a ver la sangre por las calles. Venid a ver la sangre por las calles!”.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Ucraína no corazón”

  1. O comunicado da executiva do BNG foi previo á invasión.
    Entendo que eses é un dato necesario para entender correctamente ese tema.
    Neste comunicado demandábase o mesmo que moitos demócratas levamos pedindo desde que o PSOE meteu a España na OTAN.
    Eu votei en contra diso e nunca atopei motivos para me arrepentir.

    Responder

Deixa un comentario