Puntadas sen fío: Teta!

Puntadas sen fío: Teta por Siro
Puntadas sen fío: Teta por Siro

Despois das primeiras eleccións democráticas publiquei unha viñeta na que un home de mediana idade, pequeno, calvo e con tirantes aparecía compunxido nunha saliña chea de mobles, lámpadas, reloxos, cadros, plantas, alfombras, cortinas e figuriñas de Sargadelos. O pé dicía: «O home que votou polas esquerdas sen saber que era de dereitas». Reflectía a situación das persoas que, por antifranquistas, se tiveran por «progresistas» e logo, ante as vindicacións de feministas e homosexuais, as manifestacións de traballadores en folga con actuación intimidatoria dos «piquetes informativos» e a España das autonomías, recoñecéranse «conservadores». O caso máis dramático desta clase de erro debe de ser o de Pío Moa, quen, despois de militar nunha organización terrorista contra o franquismo, descubriuse franquista; o máis cómico, o dese home que militou no Bloque, foi xefe de prensa da CIG e agora, desde Vox, explica nun vídeo que Núñez Feijoo é nacionalista, admira a Castelao, pai do separatismo galego, e proscribe a Vicente Risco e Filgueira Valverde, figuras insignes da cultura galega. É tan divertido que, véndoo, río a gargalladas e fago meus, con mínima achega persoal, os versos de don Nuño a Bertoldino en La venganza de don Mendo:

«Ese canto, juglar, es un encanto.

Hame gustado desde un principio,

y es prodigioso que entre tanto canto

sea todo ficticio, desquicio y artificio».

Estou certo de que fan máis votantes de Vox os pregoeiros das festas en Compostela coas súas blasfemias -por certo, onde os atopan?- ca este fabulador que enrestra trolas, despropósitos e parvadas coma se fosen barallocas.

Trocos radicais de ideoloxía, sinceros, hóuboos sempre, e bos exemplos son os de dous case paisanos meus: Óscar Pérez Solís e Santiago Montero Díaz. Digo «case» porque Pérez Solís naceu en Asturias, pero en Ferrol pasou a infancia e a adolescencia, e Montero Díaz era de Mugardos, na outra beira da ría. Os dous foron comunistas. Pérez Solís, fundador e secretario do PCE, rematou na Falanxe, a carón de José Antonio e Hedilla; e Montero Díaz, un dos intelectuais máis sólidos da España do século XX, en opinión de Xesús Alonso Montero, deixou o PCE polas JONS de Ramiro Ledesma. Capelán falanxista era o xesuíta Padre Llanos, o de El Pozo del Tío Raimundo, que pasou de confesar a Franco e tomar con el o té no Pardo a erguer o puño nos mitins da Pasionaria e Carrillo.

Cousa distinta son os cambios de teta. O principio ético dos dispostos a vivir, chucha que chucha, da política exprésase no lema «en caso de duda, la más tetuda»; por iso, en 1982, cando o PSOE gañou as elección con maioría absoluta, foron lexión os franquistas que deixaron a conversión de san Paulo nunha bobada, ao se descubrir socialistas de toda a vida. O espectáculo dos que hoxe deixan o PSOE e o PP para zugar nas tetas de Ciudadanos e Vox non é menos ridículo, nin noxento.

Tamén a fidelidade a unha ideoloxía pode mover a cambios profundos. Durante a II Guerra Mundial un de Ferrol foi ao xulgado para trocar o nome.

-¿Cómo se llama usted?, preguntoulle o xuíz.

-Adolfo Mierda.

-Hombre, sí. La ley autoriza el cambio de nombre si este puede ser causa de burla. ¿Cómo quiere llamarse?

-Antonio Mierda.

Era aliadófilo e anoxaba a Hitler.

 

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario