Estaba claro que a campaña electoral do 4m en Madrid ía ser unha tolería porque hai protagonistas que semellan saídos da película Sopa de ganso; e a comunidade, unha nova Libertonia. Non é cousa de identificalos con personaxes concretos porque, agás Gabilondo, que lle vai de fábula o de Harpo, o mudo; os outros son quen de facer hoxe de Groucho, mañán de Chico, e pasado de Margaret Dumont ou do cabalo que quita as ferraduras para durmir na cama. Isto non quere dicir que o elenco artístico da campaña estea formado por intérpretes excelentes. Que va! Os máis deles son comediantes malísimos, pero aplaudímolos, eloxiámolos e empoleirámolos na gloria política porque estamos tan afeitos, que xa nos gusta comulgar con rodas de muíño.
Pablo Casado é un actor malo, malo, malo. O 21 de marzo levou ao Congreso unha proposta de condena do comunismo, que xa presentara e fora rexeitada en novembro, porque pensaba que debatela de novo era apoiar a Díaz Ayuso –felizmente ausente da campaña-, que daquela andaba a voltas co lema “comunismo o libertad”. O PNV propuxo incluír na condena o totalitarismo franquista, e Casado –vade retro!- fixo mutis.
Abascal non é mellor. Anunciou que abriría a campaña electoral cunha concentración de simpatizantes de Vox en Vallecas, mantendo a distancia de seguridade sanitaria entre os asistentes; pero o que quería era celebrar un mitin sen permiso municipal. Non puido porque os figurantes da esquerda radical impedíronllo a croiazos. Echenique, que está en todas, asomou a cabeza pola concha do apuntador e deu azos aos demócratas do pelourazo, berrando: -Por Libertonia! Agachou axiña por medo a unha pedra perdida. Perdido vexo a Pedro Sánchez no escenario. Ás veces recórdame a Groucho ante o falso espello no que alguén cuspidiño a el acena coma el, pero non é el; e outras a Groucho na moto con sidecar, cando unhas veces marcha a moto e outras o sidecar, pero sempre sen el. Nin o guion sabe! A quen se lle ocorre censurar ao PP no Boletín Oficial do Estado? Tolería ou parvada? Velaí a cuestión.
Tolería cen por cen, o debate de candidatos na SER cando Pablo Iglesias, actor pésimo porque sobreactúa e nótaselle, anunciou con ton tráxico e cara de estreñido que se a candidata de Vox non retiraba o comentario desdeñoso sobre as balas ameazantes que recibira por correo, abandonaría o estudo. Rocío Monasterio non as retirou e, en plan galiña choca, largou un cacarexo estridente e non houbo xeito de acalala; nin regateira que a igualase. Mónica García, candidata de Más Madrid e actriz excelente, preguntoulle, entre abraiada e candorosa: -Pero, ¿cómo puedes ser tan maleducada? Non lle respondeu, pero as razóns son dúas: Vox, como toda ultradereita, anoxa a democracia e demóstrao en calquera foro; e, ademais, iso é o que os seus seguedores aplauden; coma os de Pablo Iglesias aplauden o melodramático desplante a Rocío Monasterio. O odio e a violencia están no ambiente. A campaña restou protagonismo mediático ao xuízo que o 24 de marzo empezou en Barcelona contra os presidentes da Falanxe e de Alianza Nacional, que nun acto celebrado en 2013, dixeran: “Estamos dispuestos a morir, pero también a matar por España. Faltaría más”.
Ollo coa sopa de ganso, que queima.