Non é doado. Hoxe costa ser vello. Eu teño 78 anos e penso que cabo dalgúns máis empezarei a padecer avellentamento precoz. E iso porque son discreto no vestir, que outros de oitenta van como rapaces de vinte e síntense coma eles.
Os vellos empezamos a sermos xente en 1985, coas viaxes do Imserso que nos sacaron de pobos e aldeas e leváronnos a coñecer España. A cousa nacera mal porque a publicidade fixéraa Mary Santpere e morreu antes de dala a coñecer; así que, por aquilo do mal fado, fíxose outra con Florinda Chico e o éxito foi total: hoteis e balnearios ficaron abertos todo o ano, afortaláronse cen mil postos de traballo e os vellos melloramos o estado de ánimo e tomamos menos fármacos. Menos duns e algún máis doutros. Nunha visita a Huesca, un septuaxenario coruñés e viúvo deixou que os pés o levasen ao café onde acudira cada tarde mentres fixo a mili naquela cidade, cunha noiva á que non esquecera de todo. O café, algo reformado, alí estaba; e na mesiña que fora deles, ela; viúva tamén. Abrazáronse nunha aperta sen fin e ollaron a foto de “ao minuto” que fixeran o último día que pasaran xuntos. Tamén agora el debería marchar e deixala, pero prometeulle volver axiña: o que tardou en ir á consulta do doutor Castro Beiras a pedirlle a Viagra.
Non ten volta, os vellos de hoxe estamos mellor que os de onte. Temos máis esperanza de vida, vida sexual máis longa, novas ofertas de ocio e cultura, e residencias da terceira idade mellores que os antigos asilos. Pero os vellos de onte non temían que unha alcaldesa vendese as vivendas sociais que habitaban a un fondo voitre que lles aumentaría o aluguer ata conseguir botalos. Nin que os bancos onde gardaran os aforros desde novos lles aconsellasen invertilos nun produto financieiro, e perderíanos. Do millón de familias afectadas pola compra de preferentes, sen recibir información sobre os riscos que supoñía, moitas eran vellos con pensións humildes e nalgúns casos enfermos de Alzhéimer. Gregorio, de 84 anos, non padece Alzhéimer nin mercou preferentes; pero en 2017 perdeu 730.000 euros, os aforros de toda a vida, depositados en accións do Banco Popular, ao ser absorbido polo Santander. Antes de dar cun despacho de avogados que aceptase o caso, Gregorio percorreu moitos outros que o rexeitaron, ao dalo por perdido; pero en maio, un xulgado de L´Hospitalet de Llobregat determinou que o Popular o enganara facéndolle crer que a entidade era solvente ata o día que estalou o escándalo. Gregorio vai recuperar os seus cartos, pero non os últimos catro anos que viviu dunha pensión de 200 euros e dos comedores sociais.
Os vellos sentimos arrepío ante Facenda, un ente con funcionarios amabilísimos, pero monstruoso e sen alma. Si, si; sen alma. En 2014 multou con 29.000 euros a unha muller de 104 anos que se negaba a desaloxar temporalmente un piso propiedade do Estado; e en 2017 reclamou 1600 euros a outra de 96 anos que vivía dunha pensión de 600, porque o Axuntamento lle asignou unha cuidadora para bañala e a axuda contabilizouse como un rendemiento mensual de 700 euros. Nos dous casos o ministro de Facenda era Cristóbal Montoro, recordado no epitafio de José María Bejarano Martín, en San Pedro de Latarce: “Montoro, cabrón. Ahora ven y cobras”.