Puntadas sen fío: Semana de moita Paixón

Semana de moita Paixón por Siro
Semana de moita Paixón por Siro

Na Semana Santa de 1983 operáronme de hernias inguinais no Hospital de Caridade de Ferrol, no que as servas do Xesús da Caridade exercían labores de enfermería baixo o mando dunha monxa pequeniña, seria e vasca. Entrei no quirófano a media tarde e, pasados os efectos da anestesia, espertei no cuarto con dores enormes nas feridas e no brazo en que me inxectaran o soro porque a agulla estaba fóra da vea. Chamamos e chamamos e volvemos chamar, pero ata as seis da mañá non apareceu a monxa vasca co calmante que me fixo durmir ata as nove, cando me visitou o médico. Preguntoume como estaba e respondinlle que pasara a noite doente. Entón volveuse á monxa e inquiriu, irado: «¿Qué pasa? ¿No hay calmantes?» A monxa baixou a cabeza e non dixo nada.

Aquela tarde un celador tróuxome un suspensorio para que non me inchasen os testículos, pero debía de ser o do Cid Campeador porque a min non me suspendía nada; e como o peche metálico me facía dano, quiteino. Horas despois a monxa vasca veume facer as curas e falamos:

-¿A usted no le han puesto un suspensorio?

-¿Un suspensorio? Eso era un cilicio.

-¿Usted ha puesto alguna vez un cilicio?

-Non, hermana.

-Pues le advierto que el cilicio lastima mucho más. Y tenga en cuenta que estamos en tiempo de Pasión y que el Señor está en la cruz, sufriendo por nosotros, por lo que también nosotros debemos sufrir con él y ofrecerle nuestro sufrimiento…

-Non me diga máis, hermana; por iso me meteu onte unha «dor pía».

Calou e, pequeniña como era, saíu a grandes alancadas. Non volvín vela.

A solidariedade co Cristo na cruz moveu a líderes fanáticos dos séculos XIV e XV a promover a matanza de xudeus en Semana Santa, porque xudeus foran os culpables da súa morte. Que Xesús fose tamén xudeu non creaba problemas, e ataques ás xuderías en Semana Santa están documentados en León, Córdoba, Valencia e outras comunidades.

Novos investigadores afirman que o 3 de abril de 1939, dous días despois de rematar a Guerra Civil, en plena Semana Santa, empezaron os fusilamentos de roxos en El Terrer de Paterna, que continuarían ata 1956. En 1940 sería fusilado Carlos Gómez, Bluff, autor das caricaturas máis satíricas de Franco durante a contenda. Do que non hai dúbida é de que ese mesmo 3 de abril de 1939 Franco facía en Radio Nacional o discurso coñecido como das tres alertas. Na última dicía: «Españoles, alerta. España sigue en pie de guerra contra todo enemigo del interior o del exterior, perpetuamente fiel a sus caídos, con el favor de Dios, sigue en marcha, Una, Grande y Libre, hacia su irrenunciable destino». Moi de Semana Santa non parece. Ou si, segundo se mire.

O que parece é que a traxedia da Guerra Civil valeu de pouco. Certo que, por agora, os líderes políticos non queren matarse e confórmanse con aldraxarse, e que o anticlericalismo cernil, na vez de poñer lume ás igrexas, limítase a pintalas; pero a desconfianza e a xenreira entre as dúas Españas persisten, de aí que a irrupción inconsciente de membros dunha confraría, con banda de cornetas e tambores, nun lugar público onde o Ateneo Republicano de Valladolid celebraba o Día da República, rematou con varias labazadas impoñéndose ás explicacións. Para min, o de caer no mesmo día o Domingo de Ramos e o Día da República tivo que ser cousa do demo.

Deixa un comentario