Puntadas sen fío: Revisionismo histórico en España

Puntadas sen fío: Revisionismo histórico en España por Siro
Puntadas sen fío: Revisionismo histórico en España por Siro

Dise que a historia escríbena os vencedores, pero non é certo. Os vencedores escriben unha, os vencidos outra, e as dúas están cheas de falsidades e interpretacións maniqueas. Coinciden, iso si, en presentaren as súas atrocidades bélicas como fazañas do humanismo. Así, segundo os vencedores, a Guerra Civil española salvou a civilización cristiá da barbarie comunista e, segundo os vencidos, foi a loita da democracia contra o fascismo. Calquera historiador obxectivo e rigoroso deberá, xa que logo, facer a versión propia e estar disposto á revisión permanente das súas pescudas. Andrés Trapiello non é historiador, pero en 1994 publicou o ensaio Las armas y las letras. Literatura y Guerra Civil (1936-1939), no que trata de tres Españas: dúas, de esquerdas e dereitas fanatizadas ideoloxicamente, que desexaban a guerra e fixérona; e a terceira, que a rexeitaba, pero sufriuna. Vinte e sete anos despois segue a ser un libro de referencia para os estudosos daquel momento tráxico, cheguemos ou non ás súas conclusións.

O pasado día 10, o Concello de Madrid acordou conceder a Andrés Trapiello a Medalla de Ouro da Cidade polo conxunto da súa obra literaria, pero Mar Espinar, portavoz socialista de Cultura, cuestionou o recoñecemento «por el revisionismo de la historia que él representa». Despois, Pepu Hernández, portavoz do PSOE no Concello, repetiu a mesma leria nunha entrevista con Carlos Alsina en Onda Cero, pero non soubo citar un parágrafo que xustifique a descualificación. Ao ministro de Cultura faltoulle tempo para defender publicamente ao escritor e tentar facerlle un zurcido imposible no rachón da súa dignidade. Si, da súa dignidade; porque ao falarmos de revisionismo histórico en España aludimos a autores e traballos que defenden a necesidade do Alzamento e a represión franquista; polo que meter no mesmo saco a Trapiello e Pío Moa pode ser ignorancia ou frivolidade, pero en calquera caso é unha canallada.

Trapiello non inventa nada e, para demostrar que a guerra foi cousa de dous bandos radicais, reproduce palabras de Largo Caballero, Gil Robles, José Antonio, Calvo Sotelo… Fala tamén da guerra no PSOE entre o pro comunista Largo Caballero e o moderadoIndalecio Prieto, na que se involucraron outros persoeiros e continuou durante anos no exilio. A ela apunta Castelao no Libro I de Sempre en Galiza: «Rematou a guerra en España e comezou unha segunda guerra civil de españois no estranxeiro. Nesta loita dispáranse aldraxes, calumnias, verbas emponzoñadas que feren e matan a honra dos homes». E conclúe: «Agora dirixen batallas os perdularios da República». Batallas que, aínda en 1946, levaron á expulsión do partido do ex presidente Negrín.

Felipe González viuno clarísimo. Cando no congreso do PSOE en Suresnes, en 1974, foi elixido secretario e os exiliados non o aceptaron, reloucou de alegría. O PSOE naceu por segunda vez. O outro, o histórico, quedou atrás con todas as eivas. Non é máis, nin mellor socialista o que nega a evidencia histórica desagradable que quen a acepta e segue a crer no socialismo democrático, malia as pezuñadas de Mares, Pepus e Pedros. Por certo, hai cen anos Julio Camba afirmou: «Los intelectuales, en este país, se cotizan a menos que los conejos». Hoxe, a moitísimo menos.

Deixa un comentario