A min Mariano Rajoy paréceme boa xente, pero encirrouse en ser aborrecido por gran parte da poboación e conseguiuno. O título Un plebiscito de odio contra Rajoy do artigo que César Casal publicou o pasado día 2, reflicte fielmente o sucedido na moción de censura: os máis dos votos obtidos por Pedro Sánchez foron votos contra Rajoy. «Mi sí es un no», explicou Joan Tardá, portavoz de Esquerra Republicana para que non houbese dúbidas. Ese si era un non ao Goberno do Partido Popular, pero tamén un non ao home Mariano Rajoy. ¿Por que? ¿Como alguén tan intelixente, elegante e discreto provocou tal xenreira? Ao meu entender, por un punto de soberbia que ten e nunca tentou disimular e polo mal uso que fixo do seu excelente sentido do humor.
De soberbia, de elitismo e de algo máis grave deu probas o xove Rajoy, presidente da Deputación de Pontevedra, nun par de artigos que publicou en Faro de Vigo, para comentar con entusiasmo os libros La desigualdad humana, de Luis Moure Mariño, e La envidia igualitaria, de Gonzalo Fernández de la Mora, e afirmar «como verdad indiscutible, que la estirpe determina al hombre, tanto en lo físico como en lo psíquico» e como feito obxectivo, confirmado pola ciencia, que «los hijos de buena estirpe, superan a los demás». Naturalmente, el era de boa estirpe. Despois trocou as lecturas perniciosas polas novelas de Salgari e Xulio Verne, e daquelas ideas nunca máis falou; pero a fachenda conservouna e nas confrontacións dialécticas el era o listo e os outros os parvos ou incapaces.
O humor deberíalle valer para facer amigos porque quen fai rir, faise querer; e seguramente foi así na vida privada, pero na pública preferiu poñer enxeño, agudeza e ironía ao servizo da sátira para sorprender e noquear aos rivais. Fíxoo con Zapatero nun debate sobre o Prestige, cando el xa tivera a ocorrencia dos hilillos, pero reprendeuno coma o profesor ao mal alumno: «Usted, señor Zapatero, ha venido sin estudiar la lección», e, burla vai, burla vén, mofouse del canto quixo. O malo foi que despois interveu Francisco Rodríguez, do BNG, e demostrou que tampouco el estudara a lección e, segundo Paco falaba, Rajoy agachaba a cabeza, arrebolado, sentindo arder as orellas. Aquel día foi por la e saíu trasquilado, pero non se enmendou que, coma o alacrán da fábula, o seu natural era picar. Con soberbia e ironía comentou unha pregunta do letrado que o interrogaba no caso Gürtel: «No parece un razonamiento muy brillante».
Ás veces, «quen a ferro mata, a ferro morre» e os graciosos lapsus linguae de Rajoy, que deberían achegalo ao pobo, foron unha sátira contra el. Eu non sei se Mariano Rajoy merecía saír da política pola porta de atrás, pero estou certo de que non merecía a vileza de Aznar, que aquel mesmo día se ofreceu para arranxar a dereita. Ese si é a encarnación da soberbia; e de humor, nada de nada.
Fantástico! Grande Siro!