Puntadas sen fío: Un conto de Cervantes

Un conto de Cervantes por Siro
Ortega Smith, Cervantes, Inés Arrimadas por Siro

Cando o Instituto Galego de Estatística anunciou, en 2011, que nos últimos dez anos baixaran os falantes monolingües en Galicia –moito os galegofalantes e un pouquiño os castelánfalantes-, eu vin positiva aquela tendencia ao bilingüismo en ambos grupos porque entendo que o dominio dos dous idiomas, o bilingüismo perfecto, debe ser a nosa meta ideal. Despois, en 2017, souben que oito de cada dez alumnos residentes en Galicia recoñecían o galego como lingua materna, e iso afortalou o meu optimismo: por fin unha xeración non tiña o galego por inferior ao castelán.

O malo foi cando empezaron a chegarme datos que logo a Real Academia Galega confirmou: o 55 % dos galegos con idades entre 5 e 65 anos exprésanse sobre todo en castelán e o 30 % son monolingües en español; falan máis galego que castelán o 44 % e só un de cada catro é monolingüe en galego. Entre os maiores de 15 anos, os galegofalantes son hoxe seis pontos menos que en 1992, e os castelanfalantes medraron trece. En resume: a opción “máis galego” cae e sobe a opción “máis castelán”.

E cando estaba lambéndome as feridas, chegou a Galicia o secretario xeral de Vox, Ortega Smith, e declarou a este xornal que o idioma español ten que estar protexido por ser un vehículo da unidade de España e non se poden consentir “los apartheid lingüísticos que, también en Galicia, se pretenden levantar”.

Apartheid lingïísticos en Galicia, con datos que demostran o proceso de relevo do galego polo castelán nos últimos anos? A miña nai, que era moi refraneira, dicía: “vergonza perdida, unha ansia fóra”. É certo; por iso os líderes de Vox non sinten pudor ao mentir e sementar demagoxia. Nin tampouco Inés Arrimadas, a lideresa de Ciudadadanos , que non quixo perder comba e lanzouse nun Twitter contra o presidente Núñez Feijóo e o PP, cos mesmos argumentos de Vox: “El PP no solo ha pactado siempre con nacionalistas. También les sigue copiando: “Feijoo exige el gallego como requisito obligatorio para ser profesor”.

Arrimadas demostrou descoñecer a política galega, as resolucións da UNESCO sobre a educación en países plurilingües, e o labor de xeracións de homes e mulleres por dignificar o noso primeiro idioma. Aínda ecoan na memoria dos vellos as consignas do franquismo: “HABLE BIEN, SEA PATRIOTA. NO SEA BARBARO”

As intervencións de Ortega Smith e Inés Arrimadas fixéronme lembrar, por disparatadas, o capítulo 25 da Segunda Parte do Quixote, no que dous rexidores dun mesmo pobo saíron á procura do burro dun deles, perdido no monte. Como os dous eran mestres na arte do rebuzno, acordaron ir cada un por un lado do monte e rebuznar para atraer o animal, pero sempre remataban encontrándose, e, admirando a habelencia un do outro, non repararon en eloxios: “Ahora digo –dixo o dono-, que de vos a un asno, compadre, no hay alguna diferencia, en cuanto toca al rebuznar, porque en mi vida he visto ni oído cosa más propia”. “Esas alabanzas y encarecimiento –respondeu o outro-, mejor os atañen y tocan a vos que a mí, compadre; que por el Dios que me crió que podéis dar dos rebuznos de ventaja al mayor y más perito rebuznador del mundo”

Esa cortesía é o que boto de menos nas recentes intervencións en Galicia dos líderes de Vox e Ciudadanos.

[elementor-template id="10052"]

Deixa un comentario