Si, do Madrid cantado por Antonio Flores e Joaquín Sabina. O Madrid onde se cruzan os camiños, os paxaros visitan ao psiquiatra e as estrelas esquecen saír. O Madrid onde o pasado martes se celebraron as eleccións máis tolas da democracia, cunha campaña na que dereitas e esquerdas invocaron a liberdade, con ira; e Isabel Díaz Ayuso puxo su lindo pie, tan chiquitito, sobre a furna e esmagou aos contrincantes.
Eu non creo que todos os votantes de Díaz Ayuso votasen tamén a Trump, Marie Le Pen, Salvini ou Bolsonaro. Estou certo de que os máis deles non menosprezan aos inmigrantes, non queren limitar o peso do Estado na economía, nin reducir o estado do benestar, nin negan a ameaza do cambio climático. Díaz Ayuso fai todo iso, ofrece solucións sinxelas a problemas complexos e chama “liberdade” á ruptura coas normas que favorecen o ben común. Pois unha de dúas: ou o electorado non se enterou, porque non llo explicaron; ou sabíao e non lle importou porque o prioritario era castigar a Pablo Iglesias e Pedro Sánchez. En política nada é irreparable, pero o dano que os dous fixeron á esquerda é enorme.
Os analistas políticos, que coinciden en sinalar as causas do éxito de Díaz Ayuso, discrepan nas consecuencias. Uns pensan que é o comezo da reconquista que levará o PP á Moncloa, e outros que non se poden extrapolar os resultados. Eu tiña in mente un artigo diferente, orixinal, espléndido; pero pasoume o de tantas veces. Sempre que se me ocorre unha xenialidade, descubro que se me adiantaron Matisse, Picasso, Chagall, Seoane, Castelao, Chejov, Valle, Wenceslao… Nesta ocasión eu quería anunciar o nacemento do nacionalismo madrileño, pero adiantóuseme a profesora Nieves Lagares cun artigo titulado A la madrileña, también es nacionalismo,publicado na Voz o día 5, e escrito como a min me gustaría escribir o meu. En síntese ven dicir que Ayuso deu a Madrid capital unha identidade que non tiña desde Tierno Galván e que, á marxe do nacionalismo español que comparte con Vox e o PP, está a construír na comunidade un nacionalismo madrileño, con futuro. Non o di, pero supoño que pensa, coma min, que o nacionalismo madrileño é a resposta ao catalán, polo que a presidenta empezará a falar con acento castizo, enfrontará o chotis á sardana, o cocidito madrileño á escudella e a Praza Maior á de San Jaume.
A min ocorréraseme o meu artigo recordando outro de Julio Camba, de 1907, cando Nicolás Salmerón interviu no Congreso como xefe do grupo Solidaritat Catalana e provocou máis dun infarto. Salmerón, que era almeriense, falou do Estado como catalanista afervoado: “El Estado, que debiera protegernos y favorecernos, nos abandona, nos persigue y nos oprime. Es un Estado absorbente y explotador”. Da nación española: “Las Naciones que son un obstáculo para el progreso, deben desaparecer”. E mentres as súas señorías facían esforzos para pechar a boca, advertiu: “la insurrección es el último, pero el más sagrado de todos los derechos”. Despois de oílo un par de veces, Camba sentenciou: “Yo creo que el Sr. Salmerón, jefe del regionalismo catalan, va a ser el fundador de un regionalismo castellano…”
Daquela non había autonomías, pero hoxe “poñamos que falaría de Madrid”.