Puntadas sen fío: Polas almas dos nosos defuntos

Polas almas dos nosos defuntos por Siro
Polas almas dos nosos defuntos por Siro

Hai anos debuxei unha serie de viñetas de humor macabro protagonizadas pola Morte, que representei como un esqueleto branquísimo envolto en túnica negra e cunha gran pamela negra, adoviada con flores tamén negras. Na man dereita levaba a gadaña de segar vidas, con mango negro e coitela curva, de aceiro brillante. Nunha viñeta dirixíase aos lectores, alporizada, co dedo desafiante, e berrábanos: -Prefero que me respectedes a que me temades! E non lle faltaba razón porque en Galicia, temer temémola; pero respectar,  non a respectamos nada.

A Santa Compaña, a procesión dos mortos, os seus mensaxeiros, que tanto medo puxo aos nosos devanceiros cando non había luz eléctrica, é a argallada divertida de alguén con enorme talento humorístico. E non digamos a da menos coñecida, pero non menos enxeñosa Sociedade do Óso, que compite coa Compaña nas terras ourensás de Leiro. A diferencia entre unha e outra está en que na Compaña van espíritos de mortos e na do Óso espíritos de vivos, que deixan os corpos durmindo na cama. Para saber cal é una e cal outra, hai que ver por onde camiñan. Os da Compaña, como son mortos, van polo medio das corredoiras, pistas e estradas; aos outros, como son vivos, traiciónaos o subconsciente e van polas beiras.

Á Morte non, pero aos mortos respectámolos e querémolos.  Eu tiven un curmán en Montecuruto, parroquia do concello de Serantes, hoxe anexionado ao de Ferrol, que morreu aos oito anos, en 1936, Falaba tan mal, que ata na casa lle chamaban o inglesiño. Os pais, María e Benigno, criaron outros catro fillos, pero non se sobrepuxeron á súa ausencia.

Benigno era canteiro e cando remataba a xornada laboral paraba a botar uns viños nos Currais para desentupir a gorxa do po que tragaba ao arrincar a pedra. Aquela noite bebeu algo de mais e, camiño da casa, agradeceu a viruxe que viña do mar e lle roía as orellas. De súpeto viu o inglesiño ante el, coa mesma roupa nova que lle puxeran para levalo ao camposanto. Benigno rompeu a chorar. Botou a andar e o neno a carón del, sen dicir nada, sen deixar de miralo, sen deixar de surrir. E ao chegar ao cruce da Cabana, desapareceu.

María xa deitara os nenos e estaba na cociña dispoñendo a cea do home. O can andaba inquedo e non paraba de rosmar. De súpeto o vento abriu a porta con estrondo e o can pareceu tolear: ladraba, corría á porta, entraba e saía; coma se xogase. María inqueriu a voces: -Seica ves aí, Benigno? Non respondeu ninguén e pechou a porta, rifando co can, que correu a laiarse baixo da artesa. Ao pouco entrou Benigno chorando coma un neno; derrubouse e contou, entre saloucos, o encontro co Inglesiño. María botou as mans á cabeza e berrou fóra de si:

-¡Ai, meu neniño querido, que viñeches verme e pecheiche a porta!

Durante días foi á igrexa, alcendeulle velas e pediulle que volvese; pero o inglesiño non volveu e María viviu 102 anos, mortificada por aquel remorso. En memoria dela escribo este artigo o día 1 de novembro, como unha oración laica polas almas dos nosos defuntos.   

Deixa un comentario