Puntadas sen fío: Outro Carballo Calero

Puntadas sen fío: Outro Carballo Calero por Siro
Puntadas sen fío: Outro Carballo Calero por Siro

Ricardo Carballo Calero naceu en Ferrol, en 1910, e desde mozo foi profeta na súa terra. Precoz como poeta, conferenciante e activista político, a cidade recoñeceu a súa intelixencia e formación cultural nada comúns, e máis tarde o labor docente que exerceu, en condicións penosas, ao saír do cárcere, en 1941. Confírmano os varios autores do precioso libro O Carballo que fun en Ferrol, editado polo Club de Prensa.

A altura intelectual do homenaxeado neste Día das Letras Galegas ninguén a discute; non así a súa personalidade, estimada a partir de certas actitudes e da imaxe que podía dar de home soberbio, autoritario e distante; sen sentido do humor e vello des que naceu. Cómpre saber que Carballo viviu de neno unha experiencia familiar tráxica. Era o maior de seis irmáns e con oito anos quedou orfo de nai; o pai casou coa cuñada, que morreu de parto e con ela o recén nado; e aínda viu morrer a dous irmáns varóns antes de saír da infancia. Estas vivencias deberon de condicionar o seu carácter e madurecelo prematuramente. Pero, ademais, Carballo era un grandísimo tímido e como tantos outros tímidos procurou agachar a timidez baixo unha carauta. A del foi a descrita anteriormente ou, polo menos, a de home solemne e circunspecto en todo momento.

Eu coñecino en 1973 e na distancia curta nunca o vin así. Os nosos encontros foron tan cordiais como divertidos e con inevitábeis referencias a Ferrol. Porque Carballo amaba Ferrol e exercía de ferrolán; de aí o prólogo tan sentido que fixo para o meu libro Xente na brétema, no que evoco afectivamente a personaxes populares da cidade –tolos, parvos, bohemios, prostitutas…-, que el coñecera mellor ca min. E aínda así, sorprendeume un día, a finais dos 70, cando deu unha conferencia en Ferrol e visiteino no hotel coa miña filla, de oito anos. Non puido estar máis cariñoso con ela e, entre tanta risa, non sei por que, entoei unhas notas do Canto a la Libertad da zarzuela Bohemios, e Carballo, como se lle premesen un botón de Play, arrincou onde eu o deixara e cantouno enteiriño, facendo as partes corais e de solista. E eu con el, claro. Aquel día souben da súa afección á zarzuela e que cantaba ben; anos despois García-Sabell contoume que nunha viaxe en coche por Portugal cantou romanzas durante horas e Victoria, a filla, que na súa casa, con López Cid ao piano, facía auténticos recitais. Velaí, pois, outro Carballo Calero, divertido, entrañable e máis certo que o esquivo e túzaro.

A Dirección Xeral de Política Lingüística colgou no Portal da Lingua Galega dúas ducias de caricaturas que empecei a facerlle en Nadal do 2019 e rematei hai poucos días. A serie comeza con deseños de Carballo mozo e remata cos da madurez. Os estilos son diferentes e van da caricatura con esaxeracións mínimas para salientar so a súa expresión, ás de esaxeracións máximas, nun xogo artístico e humorístico. Quixen humanizar o personaxe e achegalo aos rapaces que o van descubrir na celebración do Día das Letras Galegas; e se con palabras mostrei hoxe outro Carballo Calero; con eses riscos tento mostrar algúns máis.

Deixa un comentario