Puntadas sen fío: Ortega Smith e Castelao

Puntadas sen fío: Ortega Smith e Castelao por Siro
Puntadas sen fío: Ortega Smith e Castelao por Siro

Ortega Smith, moi capaz, moi capaz, non parece; pero, iso si, non lle importa facer o ridículo e faino moi ben. Demostrouno cando el e Pedro Rodríguez, vicesecretario xurídico de Vox, exerceron a acusación particular no “procés”, tan mal, que o xuiz Marchena perdeu a paciencia e reprendeunos como a nenos, unha e outra vez. Resultaron tan grotescos, que un xornalista enxeñoso escribiu: “O xuízo era o escaparate perfecto para Vox, pero nin sequera conseguiron levantar a persiana”.

Na campaña electoral Ortega Smith andou mitineando por Galicia e aproveitou para acusar a Castelao de racista, antiespañol e xenófobo. Nada novo. Chove sobre mollado. Desde o 2009 esas e outras calumnias véñenas repetindo persoas alporizadas polas ofrendas florais que os gobernos do PP fan ao autor de Sempre en Galiza.

Con anacos dos escritos de Castelao pódense dar del esas imaxes, como con anacos dos Evanxeos pódese facer de Xesús de Nazaret un home violento por botar a trallazos os mercaderes do templo; ou un machista por eloxiar á muller que lle lava os pés, perfúmallos, bícallos e sécallos cos cabelos. Non vale, claro; a personalidade do Nazareno está no conxunto dos Evanxeos e a de Castelao na totalidade da súa obra.   

Dicir que o Castelao autor dos Debuxos de negros e do conto do negriño Panchito é racista, causa hilaridade; pero Ortega Smith e os seus asesores non pensan nos negros, senón nos españois e por iso a acusación de “racista, antiespañol y xenófobo” é a mesma. Que Castelao non é antiespañol vese en moitas páxinas de Sempre en Galiza. Sinalo dúas. No comezo do Libro Primeiro: “Falamos en voz alta para que poidan oirnos todos os españois. E oxalá que nos oian con simpatía”. No Libro Cuarto e último: “O moito sangue que os españois levan derramado xuntos nas guerras de independencia sería abondo para crear unha eterna unión dos seus pobos, se a política alleeira non torcese a rota que levaban. Preferiuse unha España única e indivisible a unha España múltiple e unida”.

Moitas máis son as páxinas en que nega ser separatista, declárase federalista e ata disposto a admitir a preponderancia política do idioma de Castela se o Estado respectase as demais linguas peninsulares e contribuíse a ennobrecelas.

Ortega Smith non sabe nadiña de Castelao e ignora que a súa personalidade se afinca na sensibilidade moral e no sentido do humor, polo que xamais podería caer nas ruindades que lle atribúe; pero a el iso tanto lle ten porque a aldraxe e a provocación dan titulares nos medios. O malo é que no caso de Castelao a aldraxe e a provocación quedaron en simple “parvada”. Por iso actuaron mal os indignados que lle boicotearon os mitins. Primeiro, porque o xogo democrático esixe respectalo aínda que faga o ridículo e o seu discurso sexa unha restra de parvadas. E despois, porque ante as parvadas hai que rir a cachón ou seguir o consello de Castelao: “Irmáns: Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos pasear, falar, danzar e medrar no seu mundo. E se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatemos e dos tempos en que nos cadrou vivir”.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Ortega Smith e Castelao”

  1. Este mundo non aprende, cambia la historia según el gobierno o nuevo cacique electoral, religioso o político, la gente no piensa, van como borregos detrás de parlanchines sin escrúpulos, se convierten en marionetas con títeres que dirigen sus pensamientos, incapaces de pensar pierden su vida defendiendo a individuos que sólo se ríen de ellos, no vale la pena pelear, el que quiera guerra que vaya, pero sin corte o borregos a morir

    Responder

Deixa un comentario