
Teño amigos que se enfrontaron ao franquismo, militan en organizacións de esquerda e, non obstante, rexeitan a celebración do Día do Orgullo Gay en Madrid. Parécelles escandalosa e provocadora e, mira por onde, coinciden con Vox ao propoñer que o celebren en privado, nun recinto pecho como a Casa de Campo. Viven, coido, a contradición de pensar que gays, lesbianas e transexuais teñen razón e deben acadar os dereitos que reclaman, pero non saben frear o instinto primario de rexeitar “o diferente”, e remata impoñéndoselles. Porén, hai asociacións de homosexuais, lesbianas e transexuais moi críticas coa celebración “porque se converteu nun circo mediático” e os gays en tanga, morreando nas carrozas, non van convencer a quen os mira con receo de que son bos cidadáns, plurais á hora de pensar e respectuosos coas normas de convivencia. Ata o escritor Álvaro Pombo, que se sinte “homosexual puritano”, defínese como pregay porque o gay protagonista do Día do Orgullo, parécelle “hortera”.
Matinando en todo isto, en 2016, cheguei ao convencemento de que Galicia precisa unha celebración do Día do Orgullo Gay á galega. Unha celebración na que o mundo da cultura apoie as vindicacións do colectivo marxinado, con Eduardo Blanco Amor como icono. A elección de Eduardo era clarísima. Malia o éxito das súas novelas, non o tivo doado. “ Les estorbaba mi gesto libre”, escribiu; pero moveuse libremente entre os atrancos, maxestoso ás veces, con discreta elegancia as máis delas, con dignidade sempre. E tamén con humor, como o desas fotos que nos deixou en herdo, do seu espléndido corpo espido, con mediana idade e surrir de pícaro, en procura de complicidades.
Daquela escribín a Xesús Vázquez, alcalde de Ourense; recibiume e expúxenlle o proxecto, que no primeiro ano abriría cunha mostra miña de retratos de Blanco Amor con homosexuais e lesbianas amigos ou que puideron selo: Lorca, Cernuda, Aleixandre, Gil Albert, Emilio Prados, Rafael de León, Miguel de Molina, Benavente, Serafín Fierro, Bouza Brey, Arturo Baltar, Victoria Kent, Elena Fortun, Matilde Ras, Lucía Sánchez Saornil… No marco da exposición habería conferencias, debates, recitais, actuacións musicais e todo canto o talento creativo puidese aportar. En anos sucesivos a miña mostra sería sustituída por outra colectiva e, co saber da experiencia, melloraríase a celebración anterior. O alcalde deulle o visto bo, intercambiei teléfonos con varias funcionarias, todas interesadísimas na realización da idea, pero pasaron tres anos e non se fixo nada. Non hai culpábeis. A culpa é da política cos seus imprevistos, urxencias e preferentes. E tamén miña porque, se chego a un acordo para regalar o meu tempo e o meu traballo, son coma o feirante que vendía a vaca cun apretón de mans e non había máis que falar. Perseguir políticos e funcionarios non se me dá ben. Non é para min.
Faleino na última xuntanza da Fundación Eduardo Blanco Amor e varios membros mostráronse entusiasmados e dispostos a aportar ideas; pero a Fundación naceu en octubro de 2017 e –outra vez a política- nin nos presentamos. Se a miña proposta non vai adiante, non será a primeira vez que un proxecto meu morre antes de nacer; pero, fágao quen o faga, un Día do Orgullo Gay galego cómpre facelo.