Puntadas sen fío: Okupas

Puntadas sen fio: Okupas por Siro
Puntadas sen fio: Okupas por Siro

Tiña vinteoito  anos cando rematei de pagar a hipoteca dun pequeno piso nas aforas de Ferrol e aquel día sentín que podía morrer tranquilo porque non deixaría a familia desvalida. Un piso en propiedade foi a maior arela da miña xeración, de aí que me angurie o drama das familias que perden a vivenda por non poder afrontar os gastos dun préstamo bancario e me alporice que a encontren invadida por okupas.

Durante anos, o movemento Okupa tivo  en España unha actividade política de denuncia e protesta ante a especulación inmobiliaria. Se nas cidades había centos de miles de vivendas baleiras, milleiros de persoas sen fogar, e os xoves, maioritariamente en paro, non podían acceder a elas, a vindicación ácrata estaba cantada. Invadiron pisos vellos, en estado de abandono, obrigaron a intervir a policías e xuíces, e non aceptaron cartos para saír dos inmóbeis. Había idealismo naquelas accións, aínda que á “xente de orde” non nos gustasen e naquel río revolto pescasen auténticos maleantes.

A crise do 2008 cambiouno todo. Con seis millóns de parados e dous millóns de fogares nos que non entraba un salario, moitas familias non puideron costear as hipotecas e alugueres; e empezaron os desahucios. No decorrer dos anos anos 2012 e 2013 dezaseis persoas quitáronse a vida ao recibir a orde de desaloxo. Especialmente dramático foi o suicidio dunha muller de 43 anos, nai de tres fillos, que se queimou ao bonzo ante a entidade bancaria.

A Ana Botella, alcaldesa de Madrid, non debeu de afectarlle porque, en octubro de 2013, o concello vendeu 1860 vivendas sociais a dous fondos voitre, que multiplicaron o aluguer e puxeron na rúa a quen non puido aboalo.  En troques, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea  ditaminou que as leis españolas non protexían aos cidadáns das cláusulas abusivas nas hipotecas, polo que vulneraban a normativa comunitaria; e o Banco Central Europeo recordou aos bancos españois que o desahucio tiña que ser o derradeiro procedemento. Cando as familias sen medios económicos okuparon vivendas de bancos ou baleiras, a boa parte da cidadanía pareceunos xusto e os partidos políticos miraron para outro lado.

O problema enguedellouse ao aparecer okupas antisistema, que utilizan os inmobles como centros culturais “para cambiar a sociedade”; okupas que trapichean con droga e precisan refuxios; okupas profesionais e mafias que chantaxean aos propietarios para non okupar as vivendas. Toda Europa, agás España e Portugal, resolveuno con leis que permiten os desaloxos en 24 ou 48 horas. O Parlamento español aprobou en xullo de 2018, cos votos do PP, PNV e C´s, unha lei de desaloxo exprés que debería acabar coas mafias e solventar os desahucios en 20 días; pero non conseguiu nin unha cousa nin outra. Aínda que a lei exclúe a bancos e fondos voitre, a esquerda votou en contra e Podemos recorreuna ante o Tribunal Constitucional. A esquerda trata o conflito como se todos os okupas fosen familias en situación de vulnerabilidade social e os damnificados por cacos e mafias non existisen. Pero existen e non poden ser ignorados, nin considerados “danos colaterais”. E iso é o que pasa; ou parece.   

Deixa un comentario