O pasado xoves inauguramos na Coruña a exposición «O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro», organizada pola Deputación coruñesa para conmemorar os 40 anos da súa entrada en vigor. A mostra, de 117 viñetas con cadanseu texto, publicadas neste xornal na serie Imaxes da Transición, está recollida nun catálogo que, ademais da presentación do presidente Valentín González Formoso, leva prólogos de dous amigos: o xornalista Fernando Ónega e o historiador Justo Beramendi.
Ninguén podería comentar o camiño á Constitución tan polo miúdo coma Ónega, que o percorreu de principio a fin, con paso curto, atento aos mínimos detalles; pero preferiu dedicar o seu texto ao eloxio da mostra e, quizais levado por este ambiente festeiro de másteres e teses de doutoramento, agasalloume cos títulos de «psicólogo» e «historiador», que lle agradezo profundamente. Beramendi, sempre rigoroso e prudente na análise da Historia, fai, entre outras varias, esta reflexión: «En 1975-1977 compartín con Siro, no seo do Partido Socialista Galego, a arela dun cambio democrático de máximos para Galicia e para España que logo a realidade, coma sempre, encargouse de rebaixar. Neste caso, a unha Transición pactada, parteira dunha democracia representativa con certas concesións aos beneficiarios da ditadura. Solución que nunca saberemos con certeza se era a única posible, polo que non ten ningún sentido continuar especulando sobre o que puido ser e non foi».
Quen así pensa está de volta da frustración inicial e rendido á evidencia de que a Constitución, malia as súas imperfeccións, consolidou, por primeira vez na historia de España, unha cultura política democrática. Porén hai forzas políticas de esquerda e sectores da poboación da mesma ideoloxía que ven a Transición coma unha fraude e, en consecuencia, tamén a Constitución, polo que, aínda que non teña sentido especular, pregunto: Puido ser outra a Transición? Era posible a «creba democrática» que levase ante a xustiza aos criminais e verdugos da ditadura? Coido que non. En 1975 morría Franco, pero o franquismo seguía vivo e incólume nos exércitos, onde a UMD non tiña relevancia. Cando o almirante Pita da Veiga dimitiu despois da legalización do PCE, ningún mariño en activo aceptou a carteira e houbo que recorrer a un na reserva.