Puntadas sen fío: Noite de Paz

Noite de Paz por Siro
Noite de Paz por Siro

Despois que o anxo anunciara aos pastores o nacemento de Xesús en Belén, baixaron do empíreo os exércitos celestiais e alabaron a Deus dicindo: “Gloria a Deus nas alturas e paz na terra á xente de boa vontade”. Cando marcharon todos, os pastores comentaron, pachorrudos: “Pois iremos ver logo que pasou”. E foron.

En cascar trolas, a Lucas o evanxelista non hai quen o iguale; pero minte bonito e, aínda que as voces celestiais non valesen de moito, aquela noite que imaxinou segue a ser para crentes e xente de boa vontade a Noite de Paz. Asi a sentiu Joseph Mohr, xove crego austríaco, ao escribir un poema con ese título e levarllo ao organista Franz Xaver Gruber para que o musicase e nacese unha panxoliña, estreada o 24 de Nadal de 1818, que, desde 2011, é Patrimonio da Humanidade.

Na Primeira Guerra Mundial os exércitos británico e alemán acordaron unha tregua o 24 de de Nadal de 1914 e, á noite, nas dúas trincheiras cantouse Noite de Paz en cadanseu idioma. Os altos mandos, enrabechados, tomaron medidas para que a experiencia non se repetise nos próximos anos. Na Segunda, en 1944, despois do desembarco de Normandía, os alemáns lanzaron a chamada ofensiva das Ardenas, en Bélxica, e causaron o caos nos aliados. Tres soldados americanos -un deles ferido- perdéronse no bosque Hurtgen baixo forte nevada e o 24 de Nadal chegaron a unha chabola, na que Elisabeth Vincken e o fillo Fritz, de 12 anos, arranxaban a cea. Malia o perigo que supuña, a muller acolleunos e mentres curaba o ferido entraron catro soldados alemáns. Todos berraban apuntándose coas armas ata que a muller se interpuxo e afirmou: -Ninguén vai disparar aquí, porque imos compartir a cea e a calor do lume! Fritz Vincken contou a historia na revista americana The Reader´ Digest, pero quen a deu a coñecer internacionalmente foi o presidente Reagan, en 1985, nun discurso na Base Aérea dos EEUU en Bitburg, Alemania. Fritz e un daqueles soldados, Ralph Blank, reencontraríanse en 1996, pasados 52 anos.

Na Guerra Civil española non houbo treguas en Nadal e si batallas cruentas e execucións de vencidos, en ambos bandos. Propúxolla a Franco, en 1938, o nuncio Gaetano Cicognani, pero sen éxito; en troques hóuboas en distintas épocas do ano para que republicanos e nacionais se enfrontasen en partidos de fútbol, a outra relixión ou o outro opio do pobo, segundo se mire.

Nin para celebrar o Nadal, nin para xogar ao fútbol hai tregua na guerra dialéctica entre independentistas e constitucionalistas en Catalunya. Por terceiro ano consecutivo a alcaldesa de Barcelona sorprendeu á cidadanía cun belén non tradicional na praza de Sant Jaume, e por terceiro ano portavoces do PP e de C´s a acusan de aldraxar aos católicos. A cordura púxoa o arcebispo ao declarar que respecta o “belén laico” de Colau, aínda que preferería “un máis entendible”. Claro, coma o que a Asociación de Pesebristas de Barcelona ven facendo desde 1863 e pode verse no Museo Frederic Marés. Ou coma o que Arturo Baltar fixo, durante moitos anos, en Ourense; un dos máis fermosos de España, aínda que non se coñeza. Coa promoción axeitada, a xente acudiría a Ourense a ver o belén de Baltar, como vai a Vigo a ver as luces de Abel Caballero.

Deixa un comentario