Puntadas sen fío: «The New York Times» e a caricatura

António Moreira Antunes
António Moreira Antunes

António Moreira Antunes é un prestixioso caricaturista portugués, considerado o cronista gráfico da democracia do seu país. Desde 1974 fai caricatura política no semanario Expresso, onde o pasado 25 de abril publicou a do primeiro ministro de Israel, Benxamín Netanyahu con feitío de can e un colar coa estrela de David, guiando a un Trump cego e coa kipá na cabeza, coma un xudeo máis. A viñeta foi reproducida no New York Times e os berros de destacados dirixentes da comunidade xudea norteamericana, que a cualificaron de antisemita, chegaron ao ceo. Trump, enfrontado aos editores, aproveitou para acusalos de manter a cotío esa liña antisemita e, aínda que o xornal recoñeceu o erro e prometeu que non se repetiría un caso semellante, o escándalo seguiu medrando.

É difícil ver antisemitismo na viñeta de António, quen a explicou como una crítica á política de Netanyahu e Trump, “unha política cega que ignora os intereses dos palestinos”; e o colar coa estrela de David, que tanto alporizou ás autoridades xudeas, como un “auxiliar de identificación de Netanyahu, non ben coñecido en Portugal”.

A hipersensibilidade da diplomacia xudea ante as viñetas satíricas non é nova. En 2009 o catalán Romeu publicou en El País o diálogo entre unha muller española e un xudeo;

¿Pero cómo puede Israel violar con total impunidad todas las leyes humanas e internacionales?

Nuestro buen dinero nos cuesta.

O embaixador de Israel protestou ao director de El País, afirmou que a viñeta afrentaba ao pobo xudeo e recordou que nela aparecían os mesmos tópicos “antisemitas infamantes de la prensa antijudía en la Alemania nazi”. Calquera viñeta crítica coa política de Israel é tachada polas autoridades xudeas de “libelo neonazi”, unha frivolidade incomprensible que xustifica as voces dos que denuncian a utililización que veñen facendo do Holocausto.

O New York Times decidiu prescindir das viñetas satíricas e, aínda que nun primeiro momento me pareceu unha determinación tan absurda coma aqueles arrestos de sillas, piscinas e demais materia inanimada que se facía nos recintos militares, hoxe enténdoa. Días despois de reproducir a caricatura de António, publicou outra de Netanyahu, coma un novo Moisés, con túnica e chanclas clásicas, pero con lentes negros e facendo un selfie. O escándalo e as acusacións foron os mesmos e repetiranse con calquera viñeta que trate da política israelí.

Que pensan os caricaturistas xudeos da viñeta de António? Os do New York Times, que quedan sen traballo, vena claramente antisemita; outros, mesmo os que publican en Israel, non ven o antisemitismo por ningures. É máis, Zeev Engelmayer recoñece a hipocresía da acusación porque abondan as caricaturas de xefes de goberno con feitío de cans e citou unha de Tony Blair con colar de simboloxía norteamericana. Ten razón, hai varias; entre elas a que o presentaba coma o can dos gramófonos e discos “La voz de su amo”.

Costa crer que a rica tradición da caricatura satírica nos EEUU, nada no XIX co alemán Thomas Nast e que acada o cumio co xudeo Arthur Szyk,  espertador da conciencia norteamericana ante os horrores do nazismo, poida desaparecer do xornal máis influínte do mundo, vencida pola demagoxia; pero así é. Menos mal que nos queda Europa, de momento.

[elementor-template id="10052"]

Deixa un comentario