Di Paul Tabori na Historia da estupidez humana que a ignorancia da propia necidade equivale á benaventuranza. Non é o meu caso. Se con 78 anos no lombo, calquera pícaro pode darme gato por lebre, mesmo onde non hai lebres nin gatos, non procede falar de inxenuidade e si recoñecer a miña necidade conxénita, permanente e incurable. Por iso titulo esta sección Puntadas sen fío,como advertencia ao lector para que non me tome moi en serio, nin o que escribo tampouco.
Foron tantos os necios en todas as épocas, que Quevedo afirmaba no Século de Ouro: “Todos los que parecen estúpidos lo son y también la mitad de los que no lo parecen”. Pero debéronse de multiplicar porque trescentos anos despois, Einstein reflexionaba: “Só dúas cousas son infinitas: o universo e a estupidez humana; aínda que da primeira non estou tan certo”.
Claro que hai diferentes necidades e distintos tipos de necios. Hai unha necidade cómica que inspira aos autores con talento a creación de personaxes divertidos e tenros, como Don Quixote, Charlot, a Cabiria de Fellini ou a Sabela de Castelao; e outra necidade agresiva que conduce á irracionalidade e ao sectarismo. É a que nos levou a enfrontármonos na Guerra Civil e a que oitenta anos despois nos impide reconciliarnos. Alguén enunciou un aforismo coñecido como “Principio de Hanlon”, que expresa unha grande verdade: “Non atribuamos á maldade o que corresponde á estupidez”. O pasado día 10, cando o programa La hora de la 1, de TVE, anunciaba que a princesa de Asturias estudiará en Gales, apareceu na pantalla un rótulo que dicía: “Leonor se va de España, como su abuelo”. Foi a gracia e a mofa duns necios que en nome do sacrosanto republicanismo entenderon que contra unha monarquía en horas baixas vale todo. A dirección de TVE sacounos do programa e a Podemos faltoulle tempo para esixir a volta dos “traballadores represaliados” e anunciar un terceiro grao a Rosa María Mateo no Congreso. Necidade colectiva e supina que me crea unha dúbida: É posible que ninguén na dirección de Podemos teña un chisco de sensibilidade para entender e lamentar a agresión que ese rótulo supuxo para unha mociña de 15 anos, por moi princesa de Asturias que sexa? Quevedo cualificaríaos a todos e a todas de “necios con más quilates que el oro, dignos de jáquima, cincha y cola jumenta”.
Pablo Echenique publicou o xoves na súa conta de Twitter unha mensaxe “de apoyo a los jóvenes antifascistas que están pidiendo justicia y libertad de expresión en las calles” despois que o rapero Pablo Hasel entrase no cárcere para cumprir unha condena por apoloxía do terrorismo, delitos de odio e inxurias á coroa. Non, non o condenan por cantar. E poderían, porque entre os baixos instintos deste loitador contra o Estado opresor, ningún máis baixo que o instinto artístico.
Eu non quero que este necio de solemnidade vaia ao cárcere, como mártir da revolución, por lamentar nos seus panfletos que Terra Lliure deixase vivo a Losantos; anunciar que se tatuará a cara de quen mate a Jaime Peñafiel; pedir que alguén crave un piolet na cabeza de José Bono; e berrar “Morte aos Borbóns!”. É máis, gustaríame velo no trío “Los Pablos. Necios en acción” con Echenique e Iglesias. Ollaríaos moi atento, esperando o momento de velos converterse en fume.