A finais dos setenta presentei en Ferrol unha mostra de debuxos que nada tiñan que ver co humor nin coa caricatura, e na emisora local da COPE, da que era colaborador, fixéronme unha entrevista. O entrevistador era o director e amigo Antonio José Pedreira e na cabina de control estaba o xerente, o padre Maíllo, un dominico chegado poucos anos antes, de ideoloxía moi conservadora pero con curiosidade intelectual, que empezou ollándome con desconfianza e non tardou en ter boa relación comigo. A conversa fora cordial e divertida e cando Antonio me preguntou, para rematala, que me gustaría ser, se non fose debuxante, respondín: «Maricón».
Acabáronse as risas, quedaron petrificados, e para romper o silencio expliquei que non era unha resposta orixinal, porque seguira a Marlon Brando cando lle preguntaran que querería ser, se non fose actor, e respondera «negro». Como en España os negros non tiñan problemas, eu escollía ser homosexual, que si os tiñan. A entrevista era gravada e, naturalmente, non se emitiu.
«Maricón» é palabra forte, detonante, a máis pexorativa entre os sinónimos de «homosexual» e, por moito que a escoitemos, soa como un estoupido nos oídos. Conta Rivas Cherif que cando montou o drama Fuenteovejuna, de Lope de Vega, no Teatro Español de Madrid, en 1935, a gran Margarita Xirgu non puido pronunciar nos ensaios a palabra «maricones» que o seu personaxe dirixe aos membros do concello. Sobrepúxose, e fíxoo na estrea con tan «impecable dramatismo técnico» que, ao rematar a representación, Rivas abrazouna entusiasmado mentres ela non deixaba de chorar.
Recentemente coñeceuse a gravación dunha conversa privada que tiveron, hai nove anos, o daquela prestixioso comisario Villarejo, a actual ministra de Xustiza, Dolores Delgado -entón fiscal da Audiencia Nacional-, o xuíz, aínda en exercicio, Baltasar Garzón e algúns altos cargos policiais. Non queda ben a ministra, que, lingoreteira, alude ao xuíz Marlasca e, sen os pudores da Xirgu, revela, con voz firme e clara, que é «un maricón». Peor quedou ao negar que o dixera, afirmar logo que a cinta estaba manipulada e rematar admitindo que se trataba «de un insulto fuera de contexto, no como expresión homófoba». Imposible superar tanta torpeza.
A voz «maricón» non chegou ao teatro e á narrativa do Século de Ouro co significado de sodomita que hoxe ten. Quevedo, Lope, Tirso, Torres Naharro e demais autores chaman «maricón» ao home covarde e efeminado, ou pouco activo sexualmente. Para expresar o desprezo polo homosexual tiñan «puto» e só había algo peor, segundo o dito popular «antes puto que gallego», recollido polo gramático Gonzalo de Correas no século XVII e sufrido polo pícaro-bufón Estebanillo González, natural de Salvaterra de Miño. Entre o recato de Margarita Xirgu e o descaro de Dolores Delgado hai un labor intelixente do colectivo gai, que fixo súa a voz «maricón» para baleirala de contido despectivo. Des que Martes y Trece cantaron «Soy maricón de España», xa ningún homosexual se ofende se llo chaman, nin ninguén medianamente intelixente pode pensar en aldraxar os gais por selo. Quedan un impresentable xornalista en Madrid e catro energúmenos en Paiosaco, pero eses non contan.