Cando no verán souben que compañías eléctricas baleiraran varios encoros, catro deles galegos, pasei nun santiamén do abraio á carraxe e sentinme o comandante Cousteau, Félix Rodríguez de la Fuente, mariñeiro do Greenpeace e activista de Ecoloxistas en Acción, todo nun. Eu, que levo media vida aprendendo aos nenos da familia que a auga é un ben escaso, e predico co exemplo, non podía entender aquel acto de barbarie ecolóxica. En que país estamos? Preguntábame, irado. Volvemos ao capitalismo salvaxe, á España Negra? Ata cando seremos a ovella negra, o buraco negro de Europa? Meses pasei sen vivir en min ata que, en xaneiro, o ministerio de Transición Ecolóxica me liberou da agonía ao declarar que as empresas non infrinxiron a lei e o baleirado foi legal.
Non me recuperara do pasmo cando outra nova me deixou ao borde do K.O. Levaba nove anos arrepiado pola canallada que a alcaldesa de Madrid, Ana Botella, e varios membros do seu goberno fixeran, en 2013, ao venderen1860 vivendas sociais a dous fondos voitre por 25 millóns menos do valor real e deixaren os veciños desvalidos ante os novos propietarios, que aumentaron o aluguer nun 49%. Á querela da asociación de afectados sumáranse o PSOE e o goberno municipal de Manuela Carmena, e, en Nadal de 2018, o Tribunal de Contas condenou á exalcaldesa e a sete concelleiros a pagar 28 millóns de euros por responsabilidade contable. Parecérame pouco. Pensaba nos vellos con pensións raquíticas, obrigados a deixar as vivendas e renegaba dos dirixentes fariseos do PP que van ás igrexas e danse golpes de peito, xordos á admonición do Nazareno: “Ai de vós, hipócritas, que devorades as facendas das viúvas e borboriñades longas oracións! Vós recibiredes o peor castigo”. Pero tiven que tragar o meu veleno e entoar humildemente o mea culpa porque os condenados recurriron, o goberno municipal de Martínez-Almeida retirou a denuncia e, hai catro días, a Audiencia de Madrid arquivou a causa e declarou inocentes os acusados. Todo fora legal e legalidade manda.
O 2021 despediuse confirmando algo que xa sabiamos: o coste asumido polo Estado, hai unha década, no rescate do sector financieiro é de 101.000 millóns de euros que, malia as promesas recibidas, non vai –non imos- recuperar. Un informe da Asociación de Geógrafos Españoles sobre a xeografía do malgasto en España estima que nas dúas últimas décadas se investiron máis de 80.000 millóns de euros en infraestruturas innecesarias -aeroportos sen avións, liñas de alta velocidade que non van a ningures porque quedan a medio camiño-, obras faraónicas como a nosa Cidade da Cultura e sobrecostes inxustificados. Desvergoña, tolería, corrupción? Moito de todo, pero legal e legalidade manda.
Andrés Muñiz tiña 18 anos cando roubou unha galiña e 22 cando foi xulgado e condenado a un ano de cárcere. Daquela, nun foro sobre o funcionamento da Xustiza, alguén preguntou por que en España roubar unha galiña para comer costa un ano de cárcere e roubar millóns de euros pode quedar sen castigo. Explicouno de fábula Carlos Lesmes, presidente do Tribunal Supremo: “Porque o ordenamento xurídico español está pensado para o roubagaliñas, non para o gran defraudador”.
E por iso a legalidade manda… como manda.