Puntadas sen fío: La Voz de Galicia miente

Xulio Ferreiro por Siro
Xulio Ferreiro por Siro

Así, en castelán, proclámao un pequeno pasquín impreso en papel, que hai un ano apareceu pegado en paredes e columnas do alumeado na Coruña e varias pintadas, en letras grandes e grosas, que repiten a acusación no chan de distintos paseos. A denuncia, anónima, non di en que mente o xornal; pero ata un paspán coma min sabe que alude ás novas sobre a xestión do goberno municipal. E teñen razón os denunciantes porque os xuntaletras de La Voz, baixo a batuta do director, «novo Barón da Trola», convertemos a redacción en parladoiro e, ala!, a fochicar á Marea.

Argallada boa, boa, boa, foi a de que mercaron a un amigo un par de pisos para vivendas sociais, que non cumprían as bases da convocatoria; que durante dous anos negaron irregularidades, ata que -por fin!- o alcalde, co sorriso de Sean Connery en 007, recoñeceu «o fracaso da contratación», cesou a unha funcionaria que pasaba por alí e admitiu que o amigo vendedor non vai devolver un patacón, polo que a inversión pode perderse. Todo falso coma o bico de Xudas.

Boísima tamén a invención de que traer o grupo musical The Pretenders ás festas de María Pita custou máis do dobre do que pagaron en Vigo, e que o alcalde, impávido coma Marlon Brando, comentou: «Paréceme ben», talmente coma se os cartos fosen seus. Extraordinaria foi a das cámaras para control da circulación en María Pita, que tolearon no verán e multaron a centos de condutores, en gran parte turistas, que saían do aparcadoiro do Parrote e cumprían escrupulosamente a normativa. O alcalde, frío como Robert Mitchum, recomendou aos afectados presentar a reclamación e esperar, sentados a poder ser. De fábula quedounos a de que os servizos de limpeza teñen orde «de eliminar de forma prioritaria» as pintadas críticas co goberno municipal. O alcalde, co rostro de quen cae de sono ou está sumido en profundas filosofías, respondeu: «se as limpezas son selectivas ou non…», que foi como dicir: «por un lado ti xa ves, e polo outro, que queres que che diga?». Porén, a maquinación máis creativa, porque «mentir con graza sabedoría quer», foi a de que os servizos municipais de limpeza varreron, dúas horas despois de estar rematada, a alfombra floral que a Asociación Faro de Monte Alto fixo na Cidade Vella para honrar á Virxe do Rosario, como vén facendo desde hai 18 anos. O alcalde, coa expresión de Humphrey Bogart en Casablanca, parecía matinar: «Foi un erro, si; pero sempre nos quedará París». Falso, embustes, andrómenas, libelos!

Tampouco é certo que anularon o concurso público para a celebración dunha festa gastronómica porque o informe do secretario municipal «expresaba dúbidas de que se respectase a libre concorrencia». Nin que non se coñece a listaxe de nenos con comida gratis nos colexios públicos porque o interventor detectou erros no procedemento. Nin que cada concellería é unha réplica político-festiva de Pesadilla en la cocina e o alcalde pensa contratar a Chicote para poñer orde… Todo, todo, todo, unha restra de trolas.

 Como parte do complot, necesitaba este mea culpa para rir ante o pasquín e a pintada que, desde hai un ano, me roían a alma.

Deixa un comentario