Puntadas sen fío: Idioma vehicular e patriotismo

Puntadas sen fío: Idioma vehicular e patriotismo por Siro
Puntadas sen fío: Idioma vehicular e patriotismo por Siro

A min a expresión idioma vehicular sóame a trampitán, pero conmóveme o berro coral dos patriotas, con todos os acentos da pel de touro, ante a desaparición do español como idioma vehicular na lei de educación da ministra Isabel Celaá: «¡Españoles, nuestro idioma está en peligro. Acudid a salvarlo!». E acudiron Felipe González, Alfonso Guerra, Pablo Casado, Núñez Feijoo…

É verdade que ata o 2013, en que se aprobou a lei do ministro Wert, ningunha das sete anteriores dicía que o español era idioma vehicular no ensino, e ninguén o botou de menos. Tamén o é que a supresión non vai trocar nada no ensino das comunidades con lingua propia e que en Catalunya farán o que sempre fixeron, diga o que diga o Tribunal Constitucional: ter o catalán como única lingua vehicular, o que supón impartir neste idioma todas as materias, agás as de lingua e literatura españolas, que se dan en castelán. Os resultados, segundo a Direcció General de Política Lingüística e o Institut d’Estadística de Catalunya, non poden ser mellores: o 94 % da poboación entende o catalán, o 81,2 % sabe falalo, o 85,5 % leo e o 65,3 % escríbeo. Cos datos na man, a conselleira de Educación puido dicir que o sistema de inmersión lingüística funciona. Si, funciona; pero eu non o quero en Galicia porque conleva un enorme sufrimento para os estudantes instruídos nun idioma que non dominan e queren e non poden seguir aos máis capacitados. Son os damnificados colaterais que ninguén recorda en momentos de euforia.

En Galicia a Lei de Política Lingüística de 1983, que se mantivo nos gobernos de Albor, o tripartito, Fraga e o bipartito, permitiu impartir en galego calquera materia educativa e así se fixo, segundo as posibilidades dos centros e do profesorado. Foi un tempo ilusionante, pero nas autonómicas de 2009 Núñez Feijoo buscou os votos dos colectivos enfrontados á política de normalización dos gobernos anteriores, comprometeuse a satisfacer as súas demandas e para facelo aplicou no curso escolar 2010-2011 un decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, rexeitado pola Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega, o sindicato CIG-Ensino e ata o Consello de Europa. Sería inxusto e demagóxico responsabilizar ao presidente Núñez Feijoo da perda de galego falantes na mocidade, pero no seu mandato os menores de 15 anos que non falan nunca en galego aumentou un 15 %. Por iso resulta estraño oír a súa voz na proclama patriótica a prol do idioma español.

O problema está en non entender que os catro idiomas nacionais constitúen a maior riqueza do patrimonio cultural español; como o entendía o bispo Alonso de Cartagena, no século XV, cando entre as probas da preeminencia do rei de Castela sobre o de Inglaterra daba que aquel era rei de reinos con diversas linguas. O problema está, sobre todo, na necesidade ou incapacidade de amalos. Aquel 18 de setembro de 1931 en que o Congreso debateu sobre as linguas hispánicas, Unamuno dixo do euskera que non quedaba máis que enterralo «con piedad filial, embalsamado en ciencia». Parecíalle impío «alargarle una vida ficticia». Castelao falou, emocionado, do renacer do galego e do seu futuro. E fixo unha aclaración importante: a necesidade de falar galego non se sente no bandullo.

Deixa un comentario