Puntadas sen fío: Iconografía da Paixón

Puntadas sen fío: Iconografía da Paixón por Siro
Puntadas sen fío: Iconografía da Paixón por Siro

Sen dúbida, o relato evanxélico da Paixón de Cristo inspirou aos artistas plásticos as mellores obras durante quince séculos. Porén, na variedade de asuntos tratados, hai dous que me producen sensacións enfrontadas: o do Cristo Pelícano, que non me gusta nada; e o do Cristo da Paciencia, que me gusta moitísimo. O primeiro apareceu no século IV, cando os doutores da Igrexa deron creto á lenda de que se o pelícano non ten que dar de comer aos fillos, racha o peito a picotazos e aliméntaos co seu sangue. De aí a relacionalo co Cristo que se inmolou na cruz e deunos o seu sangue salvador había un paso, e deuse. Por se a lenda non era desatinada e macabra abondo, creouse outra versión máis estarrecedora: opelícano mata aos fillos e tres días despois, cheo de remorsos, abre o peito, verque sobre eles o seu sangue e devólvelles a vida. Por incrible que pareza, foi a que San Agustín deu no sermón ao pobo de Hipona, no tempo pascual do ano 395. A fe non move montañas, pero trágaas, deglúteas; e o pelícano, convertido en emblema moral e símbolo eucarístico, ilustrou códices e apareceu en sagrarios, vitrais, pintura e escultura. Para maior despropósito, os artistas, que nunca un pelícano viran, representárono cun paxaro que se lle parece como un ovo a unha castaña.

Non estou a dar a matraca cunha iconografía obsoleta, porque, en 2005, Benedicto XVI agasallou aos bispos participantes no Sínodo sobre a Eucaristía cun anel de ouro que reproducía a imaxe do Cristo Pelícano; e no mesmo ano presentouse nas Xornadas Mundiais da Xuventude, en Colonia, o espectáculo multidisciplinar Pelícano, de xoves artistas polacos que recordaban no escenario a dez mártires católicos do século XX. O éxito foi extraordinario e non me sorprende. A arte válese da ficción para contar grandes verdades; por iso cada obra de arte é un pequeno milagre.

O Cristo da Paciencia naceu na arte centroeuropea do século XIV e axiña serviu de modelo aos imaxineiros e pintores da cristiandade toda. Representa a Xesús no Gólgota, á espera de ser crucificado, sedente, cun cóbado apoiado no xeonllo e a cabeza na man. As máis das imaxes son esculturas, a cada cal máis conmovedora; pero a miña preferencia é para un lenzo atribuído a Stanislaw Samostrzelnik, monxe cisterciense e pintor polaco do século XVI. A ollada de Xesús é tan expresiva, que leo nela unha interrogante: -Pero, outra vez? E a imaxe lévame ao Antonio Machado canso de Cristos crucificados, agónicos, arrepiantes; aos que o pobo andaluz canta cada primavera, pero non el na súa Saeta: “¡Oh, no eres tú mi cantar!/ ¡No puedo cantar, ni quiero/ a este Jesús del madero,/ sino al que anduvo en la mar!”. A mar de Galilea, si; agora en perigo de secar.

Que Antonio Machado non puido, nin quixo cantar a dor, a agonía, a morte do Nazareno, vese noutro poema que titulou Pascua de resurrección, que comeza: “Mirad: el arco de la vida traza/ el iris sobre el canto que verdea./ Buscad vuestro amores, doncellitas/ donde brota la fuente de la piedra”. E máis adiante: “¡Oh, celebrad este domingo claro,/ madrecitas en flor, vuestras entrañas nuevas!”

Un canto á vida que nace, á ledicia de vivir. Versos preciosos en tempo de pandemia.

Deixa un comentario