A Irmandade da Sanidade Galega homenaxeou, o pasado día 14 en Compostela, ao médico e intelectual galeguista Domigo García-Sabell, falecido en 2003. Non coñezo aos membros da asociación, pero son –teñen que ser- un grupo de heterodoxos no galeguismo, onde mentar ao homenaxeado é pecado grave. O ostracismo do eminente polígrafo produciuse cando tentou facer compatíbeis os cargos e as responsabilidades de presidente da Real Academia Galega e Delegado do Goberno, e non puido. Tamén eu penso que errou e debeu deixar un ao aceptar o outro; pero o desatino dos detractores foi aplicarlle a máxima: “xeneral que gaña cen batallas e perde a cento unha, non gañou ninguna”, porque as batallas gañadas por Domingo García-Sabell para Galicia, o galeguismo e a cultura galega, fixéronnos vivir momentos ilusionantes e aínda nos permiten enfrontármonos, ben armados, a unha realidade preocupante.
Xesús Alonso Montero recorda o encontro con García-Sabell a comezos dos anos cincuenta: “Fora como unha especie de deslumbramento ou epifanía: a súa cultura, que ía de Freud, Heidegger ou Jaspers ata Joyce ou Hölderlin, e a súa perspicacia intelectual facían del unha figura excepcional naquel ermo que era a cultura oficial española”. E conclúe: “Se alguén representou e escenificou a dimensión culta e europea do galeguismo neses anos, ese foi, por encima de todos, García-Sabell”.
Eis a importancia do labor intelectual do home de amplísimos saberes, que foi Domingo García-Sabell: facer galeguistas cultos en Galicia e prestixiar o galeguismo no exterior.
Xosé Luís Franco Grande recorda “o entusiasmo xuvenil” co que acollía as iniciativas dos mozos e a xenerosidade no tempo que lles dedicaba; e Arcadio López Casanova, que o chama “sabio” e “mestre clarexador”, fala do poder catártico da súa palabra e evoca a reverente atención coa que nas tertulias de mozos universitarios, eran lidos e discutidos os ensaios e artigos que publicaba. Si, e nas tertulias e reunións de profesores tamén. O prestixio do galeguismo fóra de Galicia, foi o de García-Sabell en España e Europa.
Eu coñecino en 1971 e seguino nos artigos publicados en La Voz de Galicia e nos ensaios sobre grandes persoeiros da arte e da cultura, e temas que van da enfermidade e a morte ao erotismo; todos absolutamente vixentes. Porén, interesoume, sobre todo, o García-Sabell crítico de arte que ve a obra e o que hai detrás da obra. Eu non souben por que debuxei os Pecados Capitais como o fixen, ata que lin o prólogo que escribiu para a edición. E se a ollada á pintura de Luís Seoane me parece extraordinariamente lúcida, e o ensaio sobre Van Gogh, fermosísimo e conmovedor; no titulado Picasso empapelado, de 1960, vexo a crítica de arte máis orixinal, valente e honesta que lin na miña vida.
Ramón López Vázquez, catedrático de filosofía. non o coñeceu; pero faláronlle tan mal del, que decidiu estudalo a través da súa obra, durante anos, e descubriu un home entrañable e un intelectual comprometido con Galicia, de dimensión europea. En 2013 publicou o libro Domingo García-Sabell e a fenomenloxía, do que presentou a segunda edición na recente homenaxe. É que, afortunadamente, heterodoxos somos moitos.