Puntadas sen fío: Un home de mar

Daniel Refojos Priego, un home de mar por Siro
Daniel Refojos Priego, un home de mar por Siro

Nin un so día dos dezaoito que durou o rescate do Blue Star deixei de pensar en Daniel. Naceu no ano 1918 en Cangas de Morrazo, nunha familia de tradición mariñeira, de economía forte, que o pai, Antonio “o Traila”,  era dono de cinco pesqueiros e cando ían á mar, el e os dous fillos maiores mandaban os tres máis grandes. Un día saíron os tres e non volveron. Os barcos non estaban asegurados e houbo que vender os outros dous para indemnizar ás familias dos mariñeiros. A casa quedou na ruína e a Daniel, con once anos, enrolárono de grumete nun barco do padrino. O traballo era duro e as burlas dos mariñeiros, crueis; pero aos catorce, polo seu talento e contra toda normativa, el era o patrón e os adultos obedecíano.

Daniel mal sabía ler, menos aínda escribir e non entendía de política; pero, coma os amigos e os máis dos veciños, estaba co goberno da Frente Populare asistía aos actos celebrados na Casa do Pobo. En 1936 a Falanxe e a garda civil impuxeron o terror na vila con once traballadores “paseados” e moitos homes e mulleres torturados e vexados. Daniel entre eles. Un verdugo pegoulle tanto e con tanta saña, que durante días houberon de poñerlle samesugas en todo o corpo para quitarlle os moratóns.

-¡A la legión o al cementerio!- Berráralle aquel criminal; pero chamárono a filas e fixo o servizo militar por Mariña, en Ferrol.

En 1941 casou cunha rapaza do meu barrio e entrou a traballar de peón –a categoría profesional máis baixa- en “Obras Civiles”, departamento anexo á Bazán, pero independente. Estudou, sacou o título de patrón e pouco despois estaba ao mando do remolcador Crespo, con prestixio crecente no mundo laboral. A finais dos anos 50 recibiuse o S.O.S. dun buque á deriva e o Crespo foi, mar adentro, ao seu rescate. Era un cargueiro abandonado pola tripulación e, malia a galerna e a ondada, Daniel conseguiu remolcalo a Ferrol. Segundo as leis de Salvamento Marítimo, os mariñeiros do Crespo nunca máis terían de se preocupar do porvir, que lles correspondían dous terzos do valor do buque e da carga; pero as autoridades españolas renunciaron aos seus dereitos e a renuncia supuxo tamén a da dotación do Crespo. A Daniel nin se lle ocorreu poñer o caso en mans de avogados, e calou.

Nos 70, Bazán precisaba un responsable competente para o taller de Mariñeiros e, contra a súa vontade, levaron a Daniel, con categoría de axudante de enxeñeiro. A súa xestión foi inmellorable e, en breve, chegou a axudante de enxeñeiro xefe.

Era tempo de grandes petroleiros e, por non entrar un xigantesco no dique de Bazán, houbo que levalo a Bilbao. Ao mando ía un mariño en excedencia que non atendeu ás cartas de navegación e encallouno nuns penedos. Acudiron remolcadores vascos, pero non deron feito. O mando encargou a Daniel que dirixise a manobra e, en poucos minutos, o xigante volveu navegar. Chegou a casa avergoñado pola neglixencia e preocupado polo mando, por quen sentía afecto. Non houbo problema: ao mando concedéronlle unha medalla e a Daniel non o mentou ninguén. Daniel Refojos Priego era meu sogro e meu amigo. Un home de mar e un home de ben. Leal de máis nun mundo de hipocresía. Morreu nos meus brazos, en 1988.     

1 comentario en “Puntadas sen fío: Un home de mar”

Deixa un comentario