Puntadas sen fío: Un Goberno Démijov

Puntadas sen fío: Un Goberno Démijov por Siro
Puntadas sen fío: Un Goberno Démijov por Siro

Confiaba en que algúns dos columnistas creadores de opinión que levan dúas lexislaturas censurando os Gobernos Frankenstein de Pedro Sánchez animasen a Pablo Casado a darlle a lección de responsabilidade política que o presidente ególatra, felón, chantaxista e okupa merece e necesita; ofrecendo ao PSOE entrar no goberno de Castela e León, e non depender de Vox. Ou que lle aconsellasen aceptar a oferta de Pedro Sánchez de absterse na votación para que o PP goberne, a condición de que o rexeitamento da extrema dereita sexa para sempre e en todas as comunidades. Ata lle poderían recomendar unha contraoferta: “Vale, o PP non feirará con Vox; nin o PSOE con ERC, Bildu e demais partidos independentistas”. Sería un exemplo de ética política e, caso de acadar o acordo, sementeira para recoller un día o froito dunha España reconciliada. Inxenuo de min. Ningún o fixo e ata o meu querido amigo e admirado politólogo Xosé Luís Barreiro remataba o artigo publicado neste xornal o Día dos Namorados cunha advertencia: “Por eso creo que, si el PP no anuncia pronto su disposición a negociar con Vox, y si se sigue sintiendo obligado a pelear contra la Frankenstein con un brazo atado a la espalda, no llegará a la meta”.

Está claro que os críticos da Franskenstein ven natural un goberno PP-Vox, pero eu debo de ter mellor opinión do PP ou peor de Vox ca eles porque me parece un entendemento contra natura e, nun alarde de enxeño equiparable ao do laretas que por primeira vez falou do Goberno Frankenstein, chamarei Goberno Démijov ao autonómico andaluz e ao de Castela e León, se o acordo con Vox vai adiante. Por que? Porque Vladimir Démijov foi un científico ruso que nos anos cincuenta do pasado século trasplantou cabezas de cans pequenos en corpos de cans grandes, experimento que me parece tan monstruoso coma o do doutor Frankenstein e, ademais, non foi una ficción literaria.

Sei que o PP de Díaz Ayuso non tería reparos en amañarse con Vox e crear un Goberno Démijov se o necesitase; cóstame crelo do PP de Feijoo, aínda que a política faga case tantos estraños compañeiros de cama coma o matrimonio. Porén, a interrogante clave é se hoxe Pablo Casado arranxaría con Vox un Goberno Démijov en España. Se lembro a sesión parlamentaria do 22 de octubro de 2020, cando Casado atacou a Vox por manter unha estratexia irresponsable e corrosiva para España; acusou a Abascal de non facer a moción de censura contra o Goberno, senón contra o PP que durante quince anos lle dera de comer; e rematou desafiante: “Acepto el órdago. Es la hora de poner las cartas boca arriba. Hasta aquí hemos llegado”. Se fago memoria daquela soflama que o PP necesitaba para superar o complexo de “derechita cobarde”, eu diría que non. O problema estaría na presión social e mediática que debería aturar de cantos entenden que o prioritario é chimpar o Goberno Frankenstein, aínda que sexa cun Goberno Démijov. Como se fose un mal menor. Non o é. Vox, o partido neofranquista que ameaza con derogar leis que son conquistas democráticas; que mente e calumnia mergullado no populismo máis cerril; que non votou a lei que protexe os nenos de pais pederastas; que nin comentou o chat dos vellos militares ansiosos por fusilar a 26 millóns de fillos de puta, nenos incluídos; non é unha pedra no zapato. Eu, desde logo, non o sinto así.

[elementor-template id="10052"]

Deixa un comentario