Puntadas sen fío: O día 25 de xullo

O día 25 de xullo por Siro
O día 25 de xullo por Siro

Agora que rematou «a solemnidade deste día, a festa maior de Galicia, a festa de todos os galegos», evocada por Castelao no discurso Alba de Gloria; cos partidos poñendo quilómetros entre uns e outros e o nacionalismo galego máis dividido e enfrontado que nunca, cómpre preguntármonos se os galegos nos sentimos irmanados, á marxe de ideoloxías políticas. 

Tentárono en 1919 as Irmandades da Fala cando acordaron celebrar nesa data o Día de Galicia para lembrar «a patria natural (…) a única patria verdadeira do home». O xornal A Nosa Terraanimaba a festexalo como un día de comunión e ledicia de todos os galegos, unidos polo idioma e con fe no porvir. 

Era unha chamada ao galeguismo sentimental coa esperanza de trocalo en galeguismo consciente. A mesma chamada que farían trinta anos despois, en pleno franquismo, os homes e mulleres da chamada Xeración Galaxia, cando falar galego, ler en galego e asistir á misa de Rosalía en galego -celebrada desde 1965, con autorización do cardeal Quiroga Palacios-, eran actos de afirmación galeguista.

De afirmación nacionalista eran as manifestacións do Día da Patria Galega con vindicacións soberanistas, prohibicións e presión policial. O labor levado a cabo desde o mundo da cultura durante o capítulo máis negro da nosa historia recente e o reaxir do nacionalismo galego ante o nacionalismo español deron o froito esperado e, malia as alarmas que se disparan sobre a perda de galego falantes na mocidade, a consciencia da nosa galeguidade é hoxe moi superior á de calquera tempo pasado.

Os principios do galeguismo histórico son asumidos como algo natural por gran parte da sociedade e amplos sectores participan dun nacionalismo galego non independentista. Que Galicia sexa unha nación e, por selo, teña dereito á autodeterminación, non quere dicir que se desexe exercelo; do mesmo xeito que defender a liberdade de culto ou o matrimonio homosexual non significa que se queira practicar outra relixión, nin casar con alguén do mesmo sexo.

A consciencia da galeguidade viuse, hai tempo, na ilusión que espertaron no electorado Unidade Galega e Coalición Galega, ao se presentar como unión de varias forzas políticas de ámbito galego; vese no trato cotián con profesionais de calquera gremio, non só do ensino; e vese no apoio empresarial a actividades culturais diversas.

Iniciativas empresarias houbo que superaron o imaxinable. Cando Carlos Mella era vicepresidente para asuntos económicos no Goberno de Fernández Albor recibiu a un grupo de empresarios que desexaban crear unha banca galega. Mella fíxolles tres preguntas:

-Tedes 2.000 millóns de pesetas para poñela en marcha?

-Queredes facer unha banca comercial ou unha banca industrial?

-Tedes a memoria do proxecto?

Non volveron por alí, pero a intención era boa.

1 comentario en “Puntadas sen fío: O día 25 de xullo”

  1. A galegidade ten que andar por enrriba das clases políticas sexan da ideología que Sexan. Non por ser dun partido sientes mais a tua cultura e a tua Terra, dentro ou fora dela. Grazas polo rey escrito Compañeiro.

    Responder

Deixa un comentario