O dato é arrepiante: cada 40 segundos suicídase unha persoa no mundo. Dío a Organización Mundial da Saúde, que desde 2003 promove cada 10 de setembro o Día Mundial para a Prevención do Suicidio. Probablemente os suicidios son moitos máis, porque hai países con rexistros pouco fiabeis e outros sen ningún. Con certeza sabemos que en España se suicidan 10 persoas cada día e en Galicia, a comunidade co índice de suicidios máis alto despois de Asturias, case se produce un diario. Nos dous casos, de cada 10 suicidas, 7 son homes e 3 mulleres.
Pioneiro en España nos estudos do suicidio foi Xaime Quintanilla Ulla, médico forense e primeiro alcalde da democracia en Ferrol, autor do libro El complejo mundo del suicidio, editado en 1994, que analiza as notas tomadas por el na comarca de Ferrol entre os anos 1957 e 1976. En contra da crenza popular, a lúa non ten incidencia, pero si a que afirma “Finou porque da boca soprou”, referida ao vento do sur que entra pola boca da ría. Con vento do sur, presión atmosférica baixa, ceo escuro, e primeiras horas de domingo no mes de maio, os suicidios aumentan.
Quintanilla observou numerosos casos de mimetismo. Unha noite de inverno, axudado por varios veciños, baixou o cadavre dun aforcado no alpendre e, á luz do candil que portaba un deles, desfixo o nó da soga, de tipo mariñeiro. O do candil comentou: “Traballo ben feito”. Días despois apareceu outro aforcado na mesma parroquia. Era o portador do candil e o nó idéntico ao que eloxiara. O perigo de mimetismo levou ao forense a pedir aos medios de comunicación que non falasen de suicidios de adolescentes por fracaso escolar. Fíxoo nas conferencias que, a partir de 1977, impartiu en Galicia e numerosas ciudades españolas, adiantándose en moitos anos á OMS, que advirte de que a información periodística pode mellorar ou perxudicar os esforzos de prevención.
Do que non falou Quintanilla e si o fai a OMS é do estigma social que sofre a familia do suicida a quen a Igrexa negou en España a terra sagrada ata 1983. Kant, defensor acérrimo da pena de morte, di que “o suicidio non é abominable porque Deus o prohíba; Deus prohíbeo porque é abominable”. A resposta de Schopenhauer é radical: “Non hai nada no mundo ao que o ser humano teña máis indiscutible dereito que a dispoñer da propia vida e persoa”. Rousseau é máis dialogante: “Cando a vida é un mal para un mesmo e non é un ben para ninguén, é lícito liberarse dela”.
Ideoloxía aparte, coido que ninguén sabe nada do suicidio; ninguén sabe o que pasa pola cabeza do suicida antes e no intre de deixar a vida. Hai tantos casos como suicidas, e só eles poderían explicalo. O xornalista peruano Jaime Bayle, condutor dun programa televisivo de gran éxito na extrema dereita hispanoamericana, contou o seu: quixo suicidarse aos 21 anos, cando descubriu que era bisexual e namorouse dun amigo que o rexeitou: “Cuando yo quise matarme, quería matar también al hombre del que me había enamorado, y a mis padres por ser tan puritanos que habían rebajado mis deseos a la categoría de enfermedad o perversión, y a Dios por haberme hecho tan miserablemente humano, tan impuro. El suicida, entonces, se mata matando”.
Hai suicidios incomprensibeis e outros que compartimos emocionalmente. Na estrea de “Thelma e Louise” suicidámonos con elas todos os espectadores. Pero era unha ficción, claro.