Puntadas sen fío: Carmena e Errejón

Manuela Carmena e Iñigo Errejón por Siro
Manuela Carmena e Iñigo Errejón por Siro

Sempre sentín respecto por Manuela Carmena e despois de ler o libro Cristina, Manuela y Paca, sobre a contribución de tres avogadas amigas -Cristina Almeida, Manuela Carmena e Paca Sauquillo- á Transición e á xustiza social, ratifiqueino.

Coido que respecto a Manuela Carmena máis que Pablo Iglesias, encirrado en sacala da alcaldía de Madrid para poñer ao xeneral Julio Rodríguez, seu fillo adoutivo. Carmena defendeuse atacando: rexeitou a inclusión do xeneral na candidatura de Ahora Madrid e fichou a Íñigo Errejón para optar á presidencia da Comunidade. Errejón –din os que saben- é a mellor cabeza política de Podemos e con bonanza económica sería o líder indiscutible, pero en tempo de crise as bases elixirán a Pablo Iglesias, o candidato máis radical.

A diferencia entre un e outro viuse nas eleccións andaluzas cando, ao coñecer o éxito electoral de Vox, Iglesias, sen pensalo dúas veces, correu á TV para chamar ás barricadas a traballadores, estudantes e colectivos progresistas; nunha intervención que quixo ser dramática e resultou ridícula. Errejón desmarcouse daquela arroutada, afirmou que en Andalucía non hai 400.000 feixistas; que Vox é un síntoma, non o mal; e que a ultradereita se combate garantindo seguridade, dereitos, vida familiar aos mozos e cobro das pensións aos vellos.

Carmena e Errejón dirixiron unha carta ao electorado de esquerdas, necesitado de ilusión e confianza en que as cousas poden facerse mellor. A alcaldesa dera exemplo. Despois das malas experiencias en cuestión tan ensarillada como a aplicación da Lei da Memoria Histórica, propuxo, en maio de 2016, a creación do Comisionado da Memoria Histórica con persoas de sensibilidade política diferente e presidida pola súa amiga Paca Sauquillo, aprobado nun pleno por unanimidade.

Todo foi relativamente ben ata que o goberno municipal decidiu homenaxear aos 3000 fusilados por Franco entre 1939 y 1944, incluídos 335 responsábeis das checas republicanas. O Comisionado, disconforme, disolveuse e un membro comentou: “haber sido fusilado por Franco no te convierte en demócrata”. Verdade de Perogrullo porque entre os chequistas fusilados por Franco houbo criminais feroces e torturadores desalmados. Alfonso Laurencin é un deles. Francés de orixe austríaca, aventureiro, pintor, músico, espía, estafador e deseñador de checas en Barcelona, con “celdas psicotécnicas” nas que luces cegadoras alternaban con proxecións nas paredes de pinturas abstractas e surrealistas en movemento, aproveitaba o terror para vender pasaportes falsos, a prezos altísimos, a familias ricas que querían fuxir a Francia. No xuízo deu vivas a Franco e ante o pelotón de fusilamento fixo o saúdo feixista.

Se o tándem Carmena-Errejon non impón a cordura, será homenaxeado como vítima do franquismo e a frase “o que non imos facer é actuar desde a equidistancia, como se a Memoria consistise en recordar os dous bandos”, que repiten, como una letanía, os defensores a ultranza da Lei da Memoria Histórica, será unha parvada.   

Deixa un comentario