Antes de formar goberno, Pedro Sánchez era para gran parte do electorado de dereitas e de esquerdas un presidente de circunstancias, un político con máis ambición que cabeza, un coitado que para defenderse dos ataques asañados do Partido Popular e Ciudadanos tería que botarse nas fauces de Podemos. Como Pedro Picapedra, Pedro Sánchez dirixiríase a Pablo Iglesias e rogaríalle: «Pablo, anano, ¿imos xogar boliche?» E irían, corre, corre, no troncomóbil ao Congreso; pero sería Pablo Mármore quen lanzaría o ¡¡¡Yabba-dabba- doo !!! de alegría porque se vería vicepresidente, a Monedero no ministerio de Economía, naturalmente, e a Echenique, por aquelo da silla e a asociación de imaxes, no de Ciencia.
Ninguén se decatou de que o xogo de Pedro Sánchez non é os bolos, senón o baloncesto, que practicou nas categorías inferiores do Estudantes; de aí a sorpresa e o pasmo que causou cando lanzou unha tripla desde a propia cancha, o balón entrou sen rozar o aro e no marcador apareceu o nome de Josep Borrell. Seica entre os dirixente nacionalistas cataláns houbo máis dun amago de infarto. Non é para menos porque a boa acollida que ata agora Puigdemont e compaña encontran en Europa se debe á torpísima decisión de Rajoy de enviar a policía nacional a Catalunya para impedir o referendo do 1 de octubro e á incapacidade do Goberno para probar que, malia a violencia das escenas vistas en toda a Unión Europea, España non é un Estado represivo. Con Borrell no ministerio de Exteriores será distinto e Puigdemont bota fume. Entre finta e finta o flamante presidente, seguiu facendo lanzamentos en suspensión, ganchos, bandexas… e aos distintos ministerios chegaron once mulleres e sete homes.
A última canastra, un alley-oop de exhibición, levou a Pedro Duque ao ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Para Pablo Iglesias é un Goberno ao gusto do PP e Ciudadanos, e para o PP un Goberno pasarela, puro e simple relumbrón. Poden ter razón os dous, pero, de momento, o Goberno de Pedro Sánchez conseguiu o que hai vinte días parecía imposible: que boa parte do electorado de esquerdas volva ilusionarse e a crer na política; a confiar nuns políticos que abren portas e ventas para que o ar e a luz entren en despachos que feden a rancio e malas prácticas. O equipo parecía bo, pero o ministro de Cultura, Máxim Huerta, non durou unha semana.
Descubriuse que nos anos 2006 a 2008 defraudara á Facenda 218.322 euros e, aínda que pagara a débeda co correspondente recargo, dimitiu o pasado mércores. Non debeu entrar no Goberno e ben dimitido está por defraudador e por irresponsable, pero a diferencia de proceder entre Pedro Sánchez e Mariano Rajoy, reconforta. Nada como aquel «Luis, sé fuerte» de Rajoy a Bárcenas; nin o «No dimiiiito», con mofa, de Cristina Cifuentes á cámara de TV. En seis horas o ministro deixaba de selo. Un mate a dúas mans de Pedro Sánchez, digno do mellor Pau Gasol.
Bravo Siro.! Cada cual con su cada isla. Apertas