Manuela Carmena, a alcaldesa de Madrid, entrou no 2019 con mal pé. Caeu, rompeu un nocello, operárona, pillou un virus e tivo que tomar as uvas no hospital. Tamén entrara con mal pé na alcaldía, en 2015, porque, horas despois de dar a coñecer o goberno municipal, descubriuse que o concelleiro de Cultura tuiteara, anos antes, chistes horríbeis sobre os xudeos vítimas do Holocausto e sobre Irene Villa, vítima de ETA. Carmena cambiouno por unha concelleira que non tuiteaba pero tiña vocación de pirómana política e alcendeu unha restra de lumes que tiveron á alcaldesa en plan bombeiro e con estrés permanente.
Autorizou o espectáculo dos titiriteiros no que se aforcaba a un xuiz, violábase a unha monxa e aparecía unha pancarta co lema Gora Alka ETA; e seguiuno defendendo despois que a alcaldesa recoñecese o erro e pedise desculpas.
En cumprimento da Lei da Memoria Histórica contratou a dedo á cátedra da Complutense, dirixida por unha filla de Fidel Castro, o informe de rúas e prazas con nomes franquistas e, para facelo, presupostouno nun euro menos do que a obrigaría a sacalo a concurso público. Ao informe faltoulle rigor e a primeira placa que o concello retirou, foi a que recordaba a oito mozos carmelitas, con idades entre 18 e 20 anos, fusilados por un grupo de milicianos no cemiterio de Carabanchel Baixo. Houbo que repoñela de contado.
O 5 de xaneiro de 2016 alcendera outra lumeirada coa Cabalgata de Reis. Había que romper coa tradición e renovar todo con criterios morais progresistas, estética vangardista e aportacións orixinais. O malo foi que os Reis, ataviados con túnicas de cores azul, rosa e verde, parecían saídos dunha astracanada e o tuit dunha exdeputada do PP chegoulle coma un dardo á alcaldesa: “-Mi hija de 6 años: “Mamá, el traje de Gaspar no es de verdad.” No te lo perdonaré jamás, Manuela Carmena. Jamás.”
Aquel día, a alcaldesa decidiu responsabilizarse persoalmente da cabalgata e nos anos seguintes os Reis foron perfectamente críbeis. A polémica segue porque a zona vip, antes reservada aos famosos, ocúpana agora discapacitados; porque se impide participar aos colexios que separan os alumnos polo sexo, ou porque se permite que unha drag queen vaia na Carroza das Reinas Magas, na cabalgata de Vallecas.
Politización da que debería ser só a gran festa dos nenos e que non é de agora. En Ferrol, a mediados dos sesenta, o Rei que botou o discurso no Pazo Municipal acusou ao alcalde de querer tirar o palco da música do Cantón para facer vivendas e preguntou a berros: “Niños, ¿verdad que no queréis que tiren el palco de la música?”. Os nenos responderon: “¡Noooo!”.
O alcalde estaba en cama, con febre, pero en canto soubo do ataque, plantouse no despacho e mandou deter ao Rei, sen agardar que a Cabalgata rematase o percorrido.
Claro que para politización, a do goberno republicano en Valencia, no ano 1937. Non houbo cabalgata de Reis por ser celebración relixiosa e sustituiuse por outra con bustos enormes de Largo Caballero e Stalin, carrozas de homenaxe á República e á URSS, cabezudos que ridiculizaban a curas, banqueros, militares e falanxistas… Costa crelo, pero é certo.