Os bispos viron en Franco o home providencial para salvar España da horda anticatólica, demoledora da Santa Tradición, e sentiron ante el unha impagable débeda de gratitude. Pero non todos.
A finais de 1936, o cardeal Gomá, primado de España, convocounos para faceren un documento a prol dos sublevados, que se deu a coñecer o 1 de xullo de 1937 na Carta Colectiva del Episcopado español a los obispos del mundo. Sete días despois, a Santa Sede recoñecía o goberno de Franco. Porén, tres bispos non a asinaron: o de Tarragona, Francisco Vidal y Barraquer; e os de Vitoria e Donostia, Mateo Múgica Urrestarazu e Javier Irastorza Loinaz.
Malia ser salvado in extremis de ser fusilado polos republicanos e fuxir a Italia, Vidal y Barraquer non apoiou o documento, nin recoñeceu a Franco “porque la Iglesia no debe identificarse con ninguno de los bandos, sino hacer obra de pacificación”. Franco nunca o perdoou e cando, en 1942, o bispo, vello e enfermo, quixo volver a Tarragona e pediu a mediación de Pío XII, o Caudillo respondeu ao papa que aínda había feridas abertas que impedían o retorno. Non dixo que eran as súas, claro. Mateo Múgica, “un roxo separatista” en opinión dos sublevados, foi desterrado; e Javier Irastorza marchou a Inglaterra, antes de recibir a orde.
Enfrontado ao franquismo estivo durante 30 anos, o bispo de Canarias, Antonio Pildain Zapiain, que fora deputado por Guipúzcoa, en 1931, para defender o ensino da relixión católica nos plans de estudos da República e conseguir un estatuto de autonomía para Euskadi. Des que tomou posesión do cargo, en 1937, axudou ás vítimas do franquismo e prohibiu aos curas pasaren ás autoridades información comprometedora para calquera veciño. En 1950 non recibiu a Franco en Las Palmas, e tivo pecha a catedral durante a súa estancia. No Concilio Vaticano II presentou unha moción para derogar “o dereito de presentación”, que permitía ao estado español intervir na elección dos bispos.
O cardeal de Sevilla, Pedro Segura y Sáez, non tiña nada de “roxo”, pero era antifranquista nas formas porque a Igrexa estaba por riba de calquera poder temporal; de aí que prohibise a entrada de Franco baixo palio nos templos e non permitise poñer nos muros os nomes dos Caídos por Dios y por España. Había, ademais, unha cuestión persoal. En 1940 escribira a Franco pedíndolle clemencia para o xeneral republicano Antonio Escobar Huerta, profundamente católico e condenado a morte por un tribunal militar. Na carta dicíalle: “Si fusila a Escobar, no fusila a un hombre; fusila a un santo”. Franco non concedeu o indulto e sempre que visitou Sevilla, o bispo estivo ausente. O Caudillo dicía que era a súa cruz e levábaa con resignación, pero Serrano Súñer contou que quixera desterralo e fora el quen o convenceu de que non o fixera.
Na cuaresma de 1974, dous meses despois do asasinato de Carrero Blanco, o bispo de Bilbo, Antonio Añoveros, mandou ler nas igrexas da diócese unha homilía sobre o dereito do pobo vasco á súa identidade. O goberno de Arias Navarro dispuxo o seu desterro, pero o cardeal Tarancón, presidente da Conferencia Episcopal, díxolle a Franco que sería excomulgado se desterraba a Añoveros, e Franco, decrépito, chorou.
Non era para menos.