Puntadas sen fío: Aquel 1 de maio

Puntadas sen fío: Aquel 1 de maio por Siro
Puntadas sen fío: Aquel 1 de maio por Siro

Aos 14 anos entrei de aprendiz na factoría de Bazán en Ferrol, cun cento longo de rapaces da miña idade. A xornada laboral tiñámola repartida en horas de clases teóricas nas escolas e prácticas nos talleres, pero a primeira pasabámola no ximnasio, onde, ademais dos exercicios da táboa sueca creada por Henrik Ling no século XIX, podiamos practicar atletismo, fútbol, baloncesto, balonmán e natación. Ao remate, repoñíannos do esforzo, cun bocata de tortilla, mortadela ou xamón serrano, segundo o día da semana. De cando en cando viña “el maestro Sierra” e cantabamos a coro o Himno Sindical, para recordar que co Sindicato Vertical, creado en 1940 e que acollía a patróns e asalariados, non se repetirían os enfrontamentos do pasado:

“No volverán nunca más odios del ayer.

 En la lucha de clases falta la razón.

La justicia ha de vencer”.

En 1955, Pío XII converteu o 1 de maio na festa de San Xosé Artesán e Franco apuntouse á celebración e fíxoo festivo. O 1 de maio de 1958 celebrouse no estadio Santiago Bernabeu, ante 120.000 espectadores e baixo a presidencia do Caudillo, a clausura da primeira Olimpiada Sindical na que participaron 10.000 “productores atletas” e que pechamos cunha demostración ximnástica 400 mozos de Bazán-Ferrol, con idades entre 15 e 20 anos.  

Estou afeito aos comentarios desdeñosos daquela celebración e das seguintes, pero non coñezo nada semellante aos vertidos nun traballo de investigación titulado “El sindicato vertical del franquismo: características generales y  aspectos regionales”, publicado en 2007 por unha catedrática de historia “de cuyo nombre no quiero acordarme”, que primeiro nos descualifica como deportistas: “una vez al año se vestían de sansones y de minervas y se entregaban a la disciplina del músculo”; e despois descualifícanos políticamente en dous parágrafos delirantes:
“En todo caso, estar ahí, como tallos de ciudadanos plantados en el césped, era mejor y más seguro que estar fuera, en las minas de Asturias o en los talleres de la Seat, donde se hacían demostraciones sindicales pero de otro tipo”.

“En la Demostración Sindical Nacional unos trabajadores de guardarropía mostraban su adhesión sin fisuras a los más ilustres espectadores que se pudiera desear, el caudillo y su cohorte familiar y ministerial”.

A inocencia da historiadora ignora que aqueles “traballadores de guardarropía” de Bazán-Ferrol eran os mellores da construcción naval en España; e que o 10 de marzo de 1972 fixeron “demostraciones sindicales, pero de otro tipo” ao se enfrontar con pedras aos disparos da policía nacional, co resultado de dous mortos e moitísimos feridos. Entre os mozos que pechamos o acto coa demostración ximnástica estaban os futuros dirixentes do PCG e CCOO, que pagaron a militancia con anos de cárcere.

Os 50 segundos que NO-DO dedicou á nosa actuación, -pódense ver en Internet “Demostración Sindical. Madrid. 1958”-, permiten comprobar que non desmerecería na clausura de calquera olimpiada. O texto e a locución son outra cousa. Están ao nivel do traballo da historiadora.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario