Puntadas sen fío: Aplausos

Puntadas sen fío: Aplausos por Siro
Puntadas sen fío: Aplausos por Siro

Cando baixei do bus coas bolsas do supermercado eran as oito da tarde e as ventás das casas, na praza dos Castros, estaban cheas de xente que aplaudía e facía soar distintos instrumentos en proba de gratitude ao persoal sanitario que nos defende do coronavirus. A vivencia era nova para min, que habito un piso con vistas á ría, sen veciños arredor, así que pousei as bolsas nun banco e aplaudín, tan conmovido, que rematei con dor de brazos. Camiño de casa recordei os médicos de cabeceira que facían visitas a domicilio na miña infancia, en Ferrol. Respectabámolos tanto, que en todos os fogares do barrio, por humildes que fosen, había para eles unha toalla que ninguén usaba e unha pastilla de xabrón sen estrear.

En xeral, eran persoas de trato afable, ás veces extraordinariamente cordiais e familiares. Don Manuel Carballal entraba pola miña casa como se fose a súa, achegábase á cociña, destapaba a pota que estaba no lume e invitábase a un prato de caldo, que zampaba entre eloxios á miña nai por boa cociñeira. Moitísimos anos despois, en Nadal de 1969, cando mostrei por primeira vez os meus debuxos de humor e caricaturas, presentouse na exposición, esixiume que lle fixese unha caricatura para incluíla na mostra e ser orador no acto de clausura. Fixémolo así e contou ao auditorio que eu fora un neno esmirrado, que saín adiante grazas á súa ciencia e ao riquísimo caldo da miña nai.

E un día do ano 2009 soubemos que os médicos estaban a ser agredidos. Un home de 74 anos, coñecido por “El León”, entrara, pistola en man, no Centro de Saúde de Moratalla e matou a tiros a unha médica e feriu a un condutor de ambulancia, que quixo impedilo. Era asmático e explicou á garda civil que non o trataran ben.

Os Colexios Médicos deixaron de calar e fixeron pública unha realidade abraiante. O primeiro estudo da Organizaciòn Médica Colexial é do ano 2010 e rexistrou 451casos de violencia en España; e seguiron aumentando ata o 2017, en que se denunciaron 515. En 2018, o último dos que hai datos totais, baixaron a 490; pero algúns parciais de 2019 indican que a tendencia á baixa non se mantivo. Pregúntome se despois desta sincera homenaxe popular, en forma de aplausos colectivos, volverán ser respectados os médicos en España. Non o creo. A muller que chega bébeda ao ambulatorio e dalle piñadas e tiróns de pelo a unha médica porque tardou en atendela; o que ataca a varios facultativos porque non lle recetan o fármaco que quere; a que golpea á médica de urxencias porque non pode darlle a baixa laboral; o vello que colle polo peito ao enfermeiro dos netos, dalle un testarazo na cara e desafíao con raxalo; son agresores que se senten agredidos polo sistema, irados e violentos sempre. O 5 de marzo un home tivo que ser reducido pola policía, nun hospital de Vitoria-Gasteiz, por ameazar con dous coitelos ao médico que diagnosticou á muller infección de coronavirus.

Certo que hoxe admiramos aos profesionais da medicina, agradecemos o seu labor e dóennos as súas baixas; pero cando Baltasar Porcel preguntou a Josep Pla, a comezos dos anos 70, cal é a paixón máis duradeira da humanidade,  Pla, que sabía o que esqueceu o demo, respondeu: -El olvido.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario