Cando o 1 de Nadal de 2015 fun invitado polo goberno municipal de A Coruña a dicir unhas palabras sobre Álvaro Cebreiro e a súa arte de debuxante na inauguración da rúa que leva o seu nome, non podía crer que a cidade non o recordase moito antes. Quizais non debería estrañarme o olvido porque Álvaro Cebreiro foi home con tanto talento artístico como mala sorte. Con 14 anos participou na Exposición Regional celebrada en Ferrol, en 1917, e aos 16 fixo a primeira mostra individual na nova sede das Irmandades da Fala coruñesas, en María Pita. Os actos inaugurais foran moitos e importantes. Expuxeran o pintor Imeldo Corral e o escultor Indalecio Díaz Valiño; Castelao lera a conferencia Arte e galeguismo e houbera outras de Vicente Risco, Viqueira, Antón Vilar Ponte e Correa Calderón. Todos eloxiaron a obra do xove debuxante e A Nosa Terra botou man do tópico e cualificouno de «rapaz xenial».
O achegamento do mozo Cebreiro ás Irmandades debérase á alopecia que o deixara sen pelo, sen cellas e sen pestanas. As burlas dos condiscípulos levárano a abandoar os estudos na Academia de Comercio e a buscar amizades nos xoves galeguistas. Tamén, moi novo, padeceu a tuberculose, con razón chamada «a peste branca». Endebén, dedicouse con entusiasmo ao debuxo, en todos os xéneros, e aos vinte anos acadou a excelencia no debuxo de humor, a caricatura e a ilustración.
O xove Cebreiro ollaba a Europa e, como o poeta Manoel Antonio, sentía o engado das «vangardas». Xuntos publicaron en 1922 o manifesto Máis alá para se rebelar contra a literatura e a arte galegas, ancoradas no pasado. Un ano despois Cebreiro tivo a oportunidade de levar as súas ideas estéticas á revista Alfar, que se edito una Coruña de 1923 a 1926 con ilustradores como Picasso, Dalí, Juan Gris, Barradas, Maruja Mallo e Huici.
En 1927 quixo ir a París como bolseiro da Deputación de A Coruña. Ninguén con máis méritos ca el, pero non se lle concedeu a axuda. Foi pola súa conta, pasou un ano longo e cando volveu non traía un peso, pero si unha comprida cabeleira. Aínda sufriría outro agravio en 1931, cando se lle outorgou o premio no concurso de carteis das Festas de A Coruña e se lle retirou o día seguinte. O drama da Guerra Civil trocoulle o carácter. Deixou de debuxar e de cuidarse, e tivo que pasar varias tempadas no sanatorio antitubeculoso de Ferrol. En 1950 volveu publicar debuxo de humor en El Ideal Gallego e morreu en 1956.
Cebreiro é, na miña opinión, o gran caricaturista de Galicia. Ninguén coma el acadou a capacidade de síntese, a elegancia da liña e o dominio da acuarela. Velaí a razón de que o meu libro Falemos de caricatura, editado recentemente, non leve na portada unha caricatura miña, senón a que el lle fixo a Castelao, verdadeiramente insuperable.