Puntadas sen fío: A oposición a Nicolás Maduro

Antonio Ledezma, Juan Guaidó y Julio Borges por Siro
Antonio Ledezma, Juan Guaidó y Julio Borges por Siro

Pilar Marcos, deputada do PP no Congreso, conselleira de Telemadrid e en posesión dun máster de Xornalismo da Universidade Autónoma, acusou a Jordi Évole de branquear a imaxe de Nicolás Maduro antes de se emitir a entrevista que o pasado domingo vimos 3.545.000 espectadores. Despois de vela matizou a opinión: “No sólo ha intentado usted blanquear al tirano Maduro sino que, además, le ha ofrecido el potente altavoz de @laSextaTV para su mendaz propaganda y para que amenace a los venezolanos con milicias y unidades de combate”. Faltoulle rematar cun “¡Muera la inteligencia!”, porque, para o uso que fai da súa, pode pasar sen ela.

Se na vez de estar na oposición española a Maduro estivese na venezolana,  competiría a ver quen a di máis gorda con líderes como Julio Borges, presidente da Asamblea Nacional de Venezuela, quen, en agosto do 2018, afirmaba na SER que “Venezuela vive un verdadero holocausto” e con Antonio Ledezma, exalcalde de Caracas exiliado en España, que o pasado día 5 dixo na mesma cadea que Venezuela “es un gigantesco campo de concentración donde a la gente se la mata de hambre”. E aclarou: “un campo de concentración como los de Hitler”.

Que necesidade hai de semellantes excesos dialécticos, cando o relato fiel dos feitos abonda para describir a anguria que viven os venezolanos no camiño  sen saída ao que chegou o réxime de Maduro? A morte do concelleiro opositor Fernando Albán, en octubre de 2018, mentres estaba detido na Sede do Servicio Bolivariano de Inteligencia, ao tirarse desde un décimo piso, en versión oficial; é proba evidente das prácticas tiránicas do réxime de Maduro, tanto se o tiraron, coma se se tirou. 

Maduro denuncia o atentado que sufriu en agosto de 2018 e que os líderes da oposición tentaron negar; pero non contaban coa vaidade de Jayme Bayly, presentador en Mega TV do programa “Bayly”, que se emite desde Miami, quen, incapaz de calar o seu protagonismo en tan importante acontecemento, cantou coma un xílgaro: asistira –como “relator”, supoño- a unha xuntanza en Miami, na que se tratou do atentado contra Maduro: “El sábado vamos a matar a Maduro con drones. Hemos probado los drones en Caracas y funcionan. Y yo les dije: ¡Hágale, hágale. Vamos para delante!”. E deu detalles: “Los drones tan grandes no se venden. Hubo que fabricarlos y por eso entraron por partes en Venezuela. Un dron se operaba desde un automóvil y otro desde un apartamento alquilado”. Desde o apartamente alugado un tirador profesional podería matar cun disparo a Maduro, pero preferiuse o dron “para liquidar de un plumazo a los principales cabecillas de un régimen vesánico”.

A oposición houbo de recoñecer o atentado e os líderes buliron a negar a súa participación; porén a deputada Pilar Marcos non deu un chío contra o presentador-animador do magnicidio e boa parte dos medios de comunicación en España e Europa seguiron a falar do “presunto atentado”.

Son estes líderes opositores quen van devolver a democracia, a paz social e o benestar a Venezuela? O veterano humorista Claudio Nazoa, moi crítico con Maduro, augura: “Un día la oposición estará en el poder arruinando nuestras vidas y nos burlaremos de ellos también”.

Xa se verá.

[elementor-template id="10052"]

Deixa un comentario