A comezos dos anos setenta un grupo de amigos xuntabámonos as noites dos sábados na miña casa, en Ferrol, para cear unhas tortillas entre bromas e risas e emocionarnos despois coas gravacións duns extraordinarios rapsodas arxentinos –home e muller- que recitaban a Neruda en “España en el corazón”. A sesión poética remataba co estarrecedor “El general Franco en los infiernos” -do que fixen dúas ilustracións a cores, en gran formato, que nunca mostrei- e, naturalmente, poñiamos fin á velada cunha escolma de grupos e cantautores galegos, portugueses, sudamericanos, cataláns…
Destes, divertíanos Pi de la Serra, con cancións libelo como “El burro y el águila real”, que interpretaba coa forza dun ciclón; pero despois gorentabámonos con Serrat, María del Mar Bonet ou Lluis Llach. Aínda que as miñas preferencias eran para Serrat, percibía en Llach unha sensilibilade especial, unha calidade exquisita que se manifestaba tamén cando falaba, tan delicado nas formas como firme ao vindicar a liberdade. Se houbese que nomear un portavoz da oposición democrática para facernos oír en Europa, eu confiaría naquel artista profundamente lírico, de ideas claras e maneiras requintadas.
¡Canta razón tivo Vázquez Montalván ao titular “Contra Franco estábamos mejor” un artigo do ano 1985! En canto puidemos defender as propias ideoloxías agromaron os sectarismos e comprobamos que non eramos tan demócratas como pensabamos. Vimos numerosas demostracións de “transformismo político” en quen, para acadar un chisco de poder, pasou a defender hoxe o que atacaba onte e despois chegaron a corrupción, a desvergonza e a golfería. E cando, aos meus anos, coidaba estar curado de espantos, descubrín un Lluis Llach irrecoñecible como deputado da coalición de Pdecat y ERC. Aquel lírico arrebatado que en L´estaca, a máis coñecida das súas cancións, nos invitaba a turrar xuntos para arrincar a estaca da ditadura, apareceu no mes de marzo coa propia estaca na man, agresivo, desafiante, para declarar que o paso a un Estado catalán independente non será doado, pero “en canto teñamos a lei de transitoriedade xurídica, os funcionarios que traballan e viven en Catalunya estarán obrigados a cumprila; e os que non o fagan serán sancionados”. E engadía coa frialdade dun verdugo medieval: “Moitos sufrirán”.
Dame a impresión de que en España hai demasiada querencia ás estacas. De Xustiza non entendo nadiña, pero non creo errar se sospeito que a xuíza Lamela ten a súa, grande e grosa, e probouna o pasado xoves no lombo do vicepresidente e consellers da Generalitat. Rajoy, que tamén ten unha pequeniña e sacouna de paseo o 1 de octubre en Catalunya e mil veces se arrepentiu, anda tolo chamando ás portas de Europa para explicar que a democracia española é sólida e unicamente se deteriorou en Catalunya pola actuación do Goberno independentista catalán.
Non é para menos. Para a demagoxia vale calquera e Puigdemont está a demostralo en Bélxica. Mentres, miles de voces dos seus seguidores volven cantar a coro L´estaca.