Puntadas sen fío: Plaxio

Pedro Sánchez por Siro
Pedro Sánchez por Siro

No desarrollismo económico español dos anos 60 a construción naval experimentou un crecemento espectacular e a profesión de enxeñeiro naval converteuse nunha das máis prestixiosas. Porén, os novos titulados, cunha formación teórica extraordinaria, eran incapaces de facer o proxecto fin de carreira e encargábano a profesionais con experiencia, saídos da Escola de Deliñación creada por González-Llanos en Bazán (Ferrol), en 1937, que triunfaban nos grandes estaleiros. Na escola sabíano todos, desde o director ao conserxe, pero aceptábase como algo natural.

Na creación literaria o plaxio ten cada vez menos importancia. Xa Séneca afirmaba que as mellores obras son de inspiración colectiva e poñía o exemplo da abella, que zuga o néctar de distintas flores para elaborar o seu mel. Josep Pla recordaba que para plaxiar hai que ter moitas lecturas, moita memoria e saber onde están as cousas. Por iso os autores antigos, os medievais, os renacentistas, os da primeira modernidade, plaxiaron a eito. E concluía: «Agora todo o mundo é orixinal, porque ninguén sabe nada de nada».

No ano 2004 o diario alemán Frankfurter Allgemeine desvelou que Nabokov plaxiou a novela Lolita dunha narración breve que, co título A Gioconda maldita, publicara un esquecido xornalista e escritor alemán chamado Heinz von Lichberg, en 1916. As coincidencias empezan co nome da protagonista, de nacionalidade española na versión orixinal. Juan Manuel de Prada comentaba o sorprendente descubrimento: «Parece evidente que Nabokov vampirizó sin demasiados miramientos la invención de Von Lichberg. ¿Menoscaba este descubrimiento la estatura artística de Lolita? Ni un ápice, a mi modesto entender. Con presuntuosa falta de perspectiva, solemos pensar que la originalidad es condición indispensable de la creación. Este prurito de originalidad, tan intransigente como utópico, constituye sin embargo un anhelo reciente, nacido al cobijo del romanticismo y elevado posteriormente a rango legal mediante la consagración de la propiedad intelectual».

Debe de ser opinión xeneralizada porque é certo que as obras recoñecidas como plaxio non son menos valoradas e os autores sinalados como plaxiarios, mesmo os condenados e multados, non perderon prestixio e favorecéronse da publicidade.

No xornalismo, tamén no español, sobre todo no radiofónico e no dixital, o plaxio é práctica tan común que, na vez de seguir os códigos deontolóxicos, hai quen fai súa a declaración de intencións de Larra ao crear El pobrecito hablador, en 1832: «Robaremos donde podamos nuestros materiales, publicándolos íntegros o mutilados, traducidos, arreglados o refundidos, citando la fuente o apropiándonolos descaradamente…»

Con ese mesmo criterio, recoñecidos artistas plásticos chegan a museos e vías públicas, avalados por críticos e académicos incompetentes ou cómplices. Por iso resulta curioso que neste país, onde plaxian ata reitores de universidade, o plaxiario a lapidar sexa o presidente do Goberno. Pois nada, quen estea libre de pecado que tire a próxima pedra.

Deixa un comentario