En 1977 a Editorial Galaxia publicou a carpeta Os Pecados Capitales, para moitos coñecedores da miña obra o mellor que fixen no eido do debuxo. A edición foi un éxito e as sete láminas formaron parte da decoración de moitos fogares e tamén de varios mesóns, mesmo fóra de Galicia. Habería que reeditala, pero non o fixemos e agora, coarenta anos despois, pensei en facer 100 carpetas para 100 amigos, a prezo de coste.
A cuestión que me plantexei foi: ¿Reedición ou nova edición? Parecía lóxico reeditala, pero había dúas razóns que me moveron a cambiala: unha estética e outra ética.
A estética. Xa non me gustaba o deseño da portada, que era como un berro. Estaba moi ben para o ano 1977, en plena Transición, nunha España que fervía políticamente; pero hoxe, parecía máis para un libelo que para presentar unha obra de arte.
A ética. En 1979 visitei ao profesor portugués Rodrigues Lapa na súa casa en Anadía, e leveille unha carpeta de Os Pecados Capitales. O eminente filólogo eloxiou xenerosísimamente os debuxos, pero, sendo afervoado defensor da normativa do galego que o achegaba ao portugués, díxome: -Mágoa que non a chamase Os Pecados Capitais. Dinlle a razón, pero xa non tiña remedio. Non o tiña daquela, pero si hoxe, e por iso esta edición faise cunha nova portada e chámase Os Pecados Capitais.
Recoñezo que cando decidín facer estas 100 carpetas para 100 amigos, non imaxinaba o traballo que ían dar. Escaneamos os orixinais, pero os orixinais teñen coarenta anos e o papel, branco en orixe, tornouse amarelado e como o escaneo houbo que facelo en altísima resolución para reproducir os centos de miles de riscos tracexados con rotuladores de unha e dúas décimas de diámetro, apareceron centos de puntiños en cada lámina. Limpalas semellaba tarefa imposible, e para min sería, pero o meu amigo Carlos Laíño encargouse de facelo. Sen el esta edición non sería posible.
Sorprenderá que a edición se fixese nunha imprenta de Madrid, pero tamén esta elección foi importante. Por razóns de parentesco e amizade, movémonos na imprenta como na nosa casa; todo se fixo baixo o noso control e a un prezo máis que razoable. O resultado é unha carpeta con sete láminas de 450 mm x 330 mm, e papel Brístol de 315 g, que supera en calidade á primeira, e que podemos ofrecer, gozosamente, a un cento de amigos.
O prezo é de 25 euros, IVE incluído.
Podedes pedilas a través deste correo: info@siroartista.com