Puntadas sen fío: A gravata de Domingos Merino

Domingos MerinoCoñecémonos no Partido Socialista Galego, quizais en 1973, e fixémonos amigos. A amizade de Domingos Merino resultaba gratificante por ser persoa tan agradable de presenza como de trato. Conversador áxil e ameno, falaba pouco nas asembleas porque prefería escoitar e reflexionar antes de dar unha opinión, sempre exposta en ton humilde.

Nunca pensou ser alcalde de A Coruña e estou certo de que aceptou a responsabilidade por lealdade ao PSG e á coalición Unidade Galega, que tantas expectativas espertara nun electorado disposto a apoiar unha alternativa galeguista. Na corporación municipal había moitas “primeiras espadas”, algúns con experiencia política, outros no mundo empresarial e todos con títulos universitarios. Domingos só era un viaxante de comercio e un excelente xogador de axedrez, que varias veces estivera preto de se proclamar campión de España. Tamén era gay e non o ocultaba, pero da corporación municipal só recordo un socialista atípico e histriónico denigrándose ao atácalo -ás agachadas, naturalmente-, por este motivo. A certos niveis España superara a homofobia do franquismo.

Merino quixo inaugurar un novo xeito de gobernar baseado na ética e na proximidade á cidadanía e, para facelo perceptible visualmente, deixou de usar gravata. O malo foi cando recibiu protocolariamente ao almirante e este, ao velo sen gravata, non entrou no despacho e marchou. Consciente do erro, o alcalde visitou ao almirante vestindo gravata, pero a oposición aproveitou o incidente e foille ao lombo. Porén, as críticas máis duras chegáronlle da prensa. Luis Caparros en La Voz de Galicia e Bugallal en El Ideal Gallego encirráronse en descualificalo por non levar gravata e eu púxenos nunha viñeta co alcalde, que facía o pregón das festas da Cidade Vella e pedíalle á Virxe do Rosario: “Líbranos de todo mal, mais non nos libres do veneniño de Caparrós, nin das chorradiñas de Bugallal”. Cabreáronse e Caparrós chamoume “el comiquero” nun artigo publicado na Voz e eu respondinlle que el tiña “pluma de mercader” noutro que publiquei no Ideal. Despois empecei a debuxar a Merino cunha enorme gravata mentres tomaba o sol, en traxe de baño, na praia e ata cando estaba espido baixo a ducha. O humor desactivou aquela ridícula bomba e deixouna no que era: un simple fogo de artificio.

Despois veu o problema da capitalidade e Domingos Merino, fiel ás forzas políticas que representaba, non encabezou a protesta dos coruñeses, como probablemente desexaría, e perdeu a alcaldía. A honestidade, a arma coa que atacara e se defendera, valeulle para suicidarse políticamente.

 Durante o seu mandato o concello aforrou trece millóns de pesetas, reduciu á metade os gastos de gasolina dos coches oficiais, contratou en dous millóns menos a limpeza dos colexios públicos, aforrou tres millóns e medio nas festas e o Teresa Herrera deu dez millóns de beneficio. Por certo, cando o alcalde chegou a pé á cea do Teresa Herrera, descubriu que o seu coche fora utilizado por un funcionario municipal. Con gravata, claro.

1 comentario en “Puntadas sen fío: A gravata de Domingos Merino

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies