Vai de humoristas: A arte diabólica de Xaquín Marín

Xaquín-Marín por Siro
Xaquín Marín por Siro

É curioso que a facilidade para a creación artística non se vexa como un don da divinidade, senón como algo diabólico. Mesmo nos músicos, malia termos as expresións “música celestial” e “tocar coma os anxos”, ante intérpretes xeniais como Niccoló Paganini e Giuseppe Tartini, foi crenza xeral que fixeran un pauto co demo. A Platón preguntáronlle por que de dous irmáns xemeos un era poeta e outro non, e respondeu que o poeta leva un demo dentro; e Henry Bergson, ao describir a arte do caricaturista, cualifícaa de “diabólica”.

Confeso que tamén eu levo corenta anos coa sospeita de que Xaquín Marín fixo, de rapaz, un pauto co demo; e direivos por que.

-Todos cantos nos dedicamos á creación plástica imos aprendendo o oficio pouco a pouco e descubrindo novas posibilidades día a día. Marín non; Marín naceu aprendido e desde o día que publicou a primeira viñeta ata hoxe, exerceu a profesión de ilustrador como un verdadeiro mestre.

-Cantos nos dedicamos a isto de transformar en imaxes o noso vivir, temos referentes. Todos aprendemos de alguén, de varios ou de moitos. Xaquín non; o estilo de Marín non ten precedentes no mundo do grafismo; nin terá tampouco continuadores porque é seu, só seu,

-Cando Marín empezou a publicar as primeiras viñetas non coñecía a conferencia “Arte e galeguismo”, que ditara Castelao en 1919 para explicar que ser artista universal non consiste en imitar o que se fai en París, en New York e demais centros culturais e artísticos do mundo, senón en facermos arte galega; porque só sendo galegos, falando plasticamente en galego, seremos universais. O Marín mozo chegou á mesma conclusión pola súa conta, e o seu estilo –díxeno noutras ocasións- ten o arrecendo e o sabor das nosas viandas tradicionis. Ante unha viñeta sinxela, penso: -“Esta é románica, como a bola”. Ante outra, traballada con milleiros de riscos, razoo: -“Esta é barroca, como a empanada”. Porque a obra de Marín síntese como algo deleitoso non só para a vista, senón tamén para as papilas. E eu goréntome cos seus debuxos con verdadeira gula.

-Con ese estilo persoalísimo, Xaquín Marín leva medio século debuxando viñetas, carteis, ilustracións e banda deseñada. Aclaremos isto, porque abonda a literatura trabucada. En Galicia faise moita e moi boa banda deseñada, sen dúbida; pero a banda deseñada galega, o “cómic” galego, é o que fai Xaquín Marín. E a pregunta volve ser a mesma: -“¿Como puido o mozo Xaquín Marín descubrir a pedra filosofal do grafismo,na intimidade do seu estudo?”        

-Se a intuición que Marín ten ao escoller as series de humor gráfico que vai realizar, a tivese nos xogos de azar, forraríase. Non é así e o acerto redúcese ao labor de creación: o Gaspariño, doce e tenro, que ilustrou os libros de texto no comezo da Autonomía foi un enorme éxito; coma o dos Pés, tremendos pés como apisoadoras, sobre sufridos cidadáns que comentan a situación; sempre, con enxeño, sempre cun humor desacougante para o lector. ¿Cantas viñetas cos Pés faría Marín? ¡Nin os pés de Messi dan tanto xogo!

Eu teño especial querenza polas viñetas do lixo, de moreas enormes de lixo que devora a paisaxe en debuxos espléndidos; auténticas obras de arte as máis das veces.

Dixen que a serie dos Pés desacougaba ao lector. É certo. Á maioría facíaos reflexionar, que era do que se trataba; e a outros cabreábaos. E moito. Tanto como outra serie, na que o rico ía a cabalo dun paisano.

 Os dous eramos colaboradores de El Ideal Gallego cando Marín mandaba, un día si e outro tamén, as viñetas do ricachón a cabalo do pobre. O presidente do Consello de Administración da Editorial Católica –un vello aristócrata con título nobiliario- subía polas paredes cada vez que vía unha no Ideal, e mandáballe recado a Rafael González, o director, para que despedise ao debuxante. Rafael deixaba de publicalas uns días e quen se cabreaba era Marín, que lle mandaba cartas de protesta, ilustradas con debuxos agresivos. Rafael, gran xornalista, gran persoa e gran amigo, chamábame por teléfono cada noite e contábamo entre risas. Eu ofrecíame para explicarlle a Marín a situación, pero dicíame que non; que as cartas o divertían moito e que as gardaba como recordo.

Porque o humor de Xaquín Marín, sen ser verdadeiramente satírico –as máis das súas viñetas encaixan no “humorismo benévolo” que se dirixe á intelixencia e á sensibilidade para divertir e conmover-, pode resultar tremendamente irritante para quen se sinte aludido e sinalado como inxusto.

Hai moitas outras preguntas que me suxiren os debuxos de Marín, para as que non teño resposta; pero ante o enorme e espectacular conxunto da súa obra, tan igual e tan distinta; tan humilde e tan rica; téñome que preguntar se coñezo un caso semellante dun artista que agroma no seu tempo con tal forza anovadora; cun facer diferente a todo o coñecido, a todo o que virá despois. Non son dado á esaxeración superlativa; gústame o rigor e a mesura no xuízo crítico da obra artística, por grande que sexa a amizade que me una ao autor. Porén, ao responder esta interrogante só se me ocorren os nomes de dous xenios: O Bosco e Matthias Grünewald.

A O Bosco e a Grünewald úneos o misterio da súa identidade e a orixinalidade das súas obras. Son dous creadores portentosos, dos que nada sabemos. Cando escribía estas liñas tiven curiosidade por saber que opinaba deles o mestre Gombrich e consultei a súa Historia da Arte. Alegroume comprobar que, coma min, tamén el os relaciona:

“O mesmo que Grünewald, O Bosco demostrou que os métodos da pintura, que evolucionaran no sentido de representar a realidade de maneira máis verosímil, podían volverse do revés e ofrecernos unha visión das cousas que ninguén vira xamais”.

Iso fixo Xaquín Marín en Galicia: darnos unha visión plástica das nosas cousas, como ninguén vira xamais. Velaí por que, despois de cincuenta anos de amizade, camiñando moitas veces un a carón do outro, hoxe, ao falar do meu admirado amigo por última vez, deixo os panos quentes e as medias tintas, para dicir o que penso de verdade: Non é que o sospeite; estou completamente certo de que a arte de Xaquín Marín é diabólica porque fixo un pauto cun demo. ¡Se non é el mesmo un “anxo rebelde”, porque, tan alto, tan pálido, con eses pelos e barbas asilvestrados e o ollo pipo, non sei eu!

 

 

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies