Puntadas sen fío: Violencia machista

 

Violencia-machista-por-siroMentres a muller sexa considerada inferior ao home, a sociedade será machista e a violencia machista unha lacra imposible de erradicar. A resolución do problema pasa por recoñecer a mesma valía intelectual de homes e mulleres –e visto o que está a pasar nas últimas décadas, a equiparación será moi xenerosa cos varóns- e facer que os seus dereitos e obrigas sexan os mesmos en todos os ámbitos, desde a Xustiza ao mundo laboral.

A Igrexa debería ter dado o primeiro paso hai moito tempo, pero non deu o primeiro, nin dá o último, porque a tradición manda. Un teólogo como San Agustín, que antes de se converter en sabio e santo fora aristócrata e activista sexual, botou enriba das mulleres esta tremenda responsabilidade: “Vós sodes a porta do Diabo, as transgresoras da árbore prohibida. Pola vosa deserción tivo que morrer o Fillo de Deus”. Outro santo tan venerado como San Xerome  –tamén de gatillo rápido antes de trocar os leitos de pruma polas duras pedras da caverna-, non é menos virulento coas mulleres por salientar con xoias, afeites e perfumes os seus encantos, e levarnos aos homes ao pecado. Razón tiña Bernard Shaw cando dixo que non se pode falar do fracaso do cristianismo, porque ninguén tentou poñelo en práctica.  

Durante séculos as mulleres créronse inferiores aos homes e aceptaron o seu rol. Pilar Primo de Rivera expresaba un sentir xeralizado en todas as capas sociais do franquismo, cando escribía, en 1953, na Guía de la buena esposa: “No te quejes si llega tarde, si va a divertirse sin ti o si no llega en toda la noche. Trata de entender su mundo de compromisos”.

Porén, esa actitude sumisa non libraba ás mulleres do maltrato. Contábame un amigo, fillo dun pai alcohólico e maltratador, que, cando este mallaba na nai, os nenos abrían a porta para que oísen os vecinos e fosen axudala; pero ela, avergoñada, pechaba a porta e aturaba a tunda en silenzo.

Tamén no meu barrio había un borrachón que, cando collía un remonteo, chegaba á casa blasfemando e mallaba na muller, mentres lle berraba as peores aldraxes. Así chegaran a vellos, pero unha noite ela esperouno detrás da porta cunha tranca enorme e, en canto entrou xurando que ía matala, zorregoulle un trancazo detrás das orellas, que o tivo varios días no hospital. Non quero dar ideas, pero foi santo remedio.

A violencia machista dase en todos os ambientes, sen que o viño e outras drogas propicien as situacións. Vivín de perto o caso dunha parella de licenciados de universidade, con relación exemplar durante o noivado, que virou radicalmente en canto casaron. Aquel día agromou o machista e ela pasou a ser a “súa muller”, como o coche era “o seu coche” e a casa “a súa casa”. O doutor Jekyll convertérase en míster Hyde e o maltrato físico repetiuse no ano que viviron xuntos. Un ano sí, porque as mulleres maltratadas empezan sentíndose culpabeis e tardan en entender que casaron cun maltratador.

Tina Turner tardou dezaseis, pero na canción What’s Love Got To Do With It fai dúas reflexións que todas as mulleres deberían ter presentes: “ás veces o amor non é máis que un produto de segunda man” e “¿de que vale un corazón amante, se pode ser torturado?”

A violencia sexual require reflexión aparte.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies