Día das Letras Galegas 2012: Valentín Paz Andrade

dia das letras galegas 2012
Valentín Paz Andrade

O 17 de maio de 1963 a Real Academia Galega creou o Día das Letras Galegas para homenaxear aos autores e autoras que escribiron na nosa lingua. Foi una iniciativa do académico Francisco Fernández del Riego, quen propuxo esa data porque nela se conmemoraba o centenario da publicación do libro Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. En realidade non se coñece o día exacto da edición, pero o 17 de maio de 1863 foi a data que Rosalía puxo no exemplar que adicou a Fernán Caballero.

No Día das Letras Galegas do ano 2012 a Academia recorda a Valentín Paz Andrade, xurista, político e escritor, nado en Pontevedra, no 1898, e falecido en Vigo, no 1987. A gran aportación de Paz Andrade ás letras galegas está no eido do xornalismo. Do 1922 ao 1926 dirixiu o xornal galeguista Galicia, ata que foi pechado pola dictadura de Primo de Rivera; despois sería colaborador de El Pueblo Gallego e doutros xornais e publicacións galegas, ao longo de toda a vida.

Como activista político participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia, presentado polo Seminario de Estudios Gallegos, no 1931; foi secretario do Partido Galeguista, no 1934; na Guerra Civil axudou a fuxir a intelectuais galeguistas en perigo, e defendeu a outros que foran detidos. A súa actividade antifranquista ocasionaríalle varias penas de desterro e detencións. Foi senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Galega nas eleccións de 1977.

Para o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, Valentín Paz Andrade é “unha das grandes figuras políticas, do pensamento económico, ensaista e como poeta unha figura central que atravesa o século XX gloriosamente”.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies