Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Confidencial

262_confidencialidadCando me dispuña a publicar na Voz, a serie “A Transición en imaxes” pregunteime en que momento histórico debería rematala, e decidín facelo coa primeira victoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982, porque con ela comezou a alternancia no Goberno. En boa lóxica tería de ser en nadal do 78, cando o Rei Juan Carlos sancionou a Constitución, en sesión conxunta de Congreso e Senado; pero dende entón estivo tantas veces en perigo a democracia e vivimos situacións tan esperpénticas en institucións necesitadas de reformas, que sería inxenuo sinalar a fin do franquismo na solemnidade daquel día. En 1980 un xuiz de Fuencarral non autorizou poñer o nome “Libertad” a unha nena, porque era “extravagante, irreverente y subversivo”. Naqueles anos, na Oficina Técnica de Bazán viviuse unha situación non menos surrealista.

Dispoñiámonos a construír o portaeronaves “Príncipe de Asturias” e as fragatas FFG, que modernizarían a flota da Armada española a partir de proxectos nados nos Estados Unidos, que Mariña modificara. Deseñar os novos planos, cos cambios pertinentes, sería o noso cometido; pero Mariña decidiu que o proxecto e as modificacións eran “material reservado”, e só podería acceder a el o persoal merecente de confianza, identificado cun tarxetón co nome e apelido do autorizado, e en letras grandes, gordas e negras a palabra “Confidencial”. E para saber quen era quen e arredar o gran da palla enviáronnos un cuestionario que debiamos responder. A primeira pregunta era: -¿A quién votó usted en las pasadas elecciones generales? Como esa, moitas outras.

Ninguén cubriu o cuestionario e tivo que vir un comandante para buscar unha solución cos enxeñeiros e xefes de sección. Acordouse deixar sen responder as preguntas consideradas improcedentes, e cubrírono todos menos Antonio Mesejo e eu. Días despois o comandante veu falar con nós. Era home amable, mesmo cordial; repetiu os mesmos argumentos e a mesma proposta, pero a min pareceume que nolo pedía como un favor persoal. Ao saír, Mesejo dixo que el non cubriría nada, e eu cubrino. A Mesejo non lle deron o “Confidencial”, e a min tampouco. Fomos os únicos non autorizados, entre douscentos deliñantes, a traballar no portaeronaves e nas fragatas.

A exclusión de Mesejo non creaba maiores problemas, pero eu levaba varios meses á fronte dun pequeno grupo de compañeiros xoves, na sección de Propulsión, para modificar os planos das fragatas recibidos da empresa “Gibbs and Cox”, e cumpría substituirme. Chamoume Jaime Rodríguez Arana, enxeñeiro xefe do Departamento, e sorprendeume ao dicirme que eu tiña a súa confianza e seguiría no mesmo posto, exercendo o mesmo labor. Nacera entre nós unha simpatía mutua cando eu era o único deliñante que baixaba ás asembleas, e ao volver á oficina me preguntaba como ían as negociacións do convenio. Era home de aspecto agradable, simpático e moi vital; algo gordo de máis, pero movíase lixeiro como unha denociña, e así o debuxei nunha caricatura que o divertira moito. Sabía ben como era, tiña a mellor opinión del; pero a súa actitude tan honesta, xenerosa e valente emocionoume daquela, non a esquecín nunca e agradecinlla sempre.

E aí empezou o kafkiano. Como eu non podía pedir no “arquivo secreto” os planos que nos enviaban, facíao un dos rapaces do grupo, mostrando o “Confidencial” a un arquiveiro vido de fóra, pechado nun búnker e comunicado co exterior por unha trapela minúscula, na que aparecían os seus ollos enormes. Despois eu distribuía o traballo no grupo, dispoñía as modificacións e responsabilizábame delas asinando “o comprobado”. Ramón Aboal tiña mala lingua pero dicía, a berros, grandes verdades: -“¡Tanto secreto e despois aparecen os planos na praia de Valdoviño, envolvendo as empanadas!

Un día, na Frouxeira, fíxoseme coñecido un papel grande manchado de graxa. Era un plano das fragatas co meu nome na casiña do “comprobado”. Arrimeille o fuciño e… cheiraba a empanada.

 

1 comentario en “Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Confidencial”

  1. Desde moi xoven foste cabezón pero fiel as tuas ideas e excelente pesoa. Qué placer leerte e recordar tempos que xa fuxieron. Un abrazo.

    Responder

Deixa un comentario