Sobre Siro escritor

Escribo porque non sempre “unha imaxe vale por mil palabras” e a plástica non me permite expresar canto desexo. Pero cando fago narrativa escribo como debuxo: aforrando liñas e palabras. O humor é unha constante na miña obra, e non me sinto cómodo fóra dos seus límites. Non son satírico; prefero a comicidade e, moito máis, o humorismo: esa creación que nos divirte e nos conmove ao mesmo tempo. Sigo nesto unha tradición galega con autores de gran talento, cos que me sinto en débeda: Castelao, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Silvio Santiago, Carlos Casares…

Narrativa

Ao ler o seu Merlín e familia, hai máis de corenta anos, tiven a sensación de que, ás veces, o talento dun autor se fai tanxible, e aquela foi unha. No seu libro, Cunqueiro trouxo o mago Merlín a Galicia, por mor dun herdo; pero non explica por que ficou tanto tempo entre nós. Como homenaxe a Cunqueiro escribín esta narración que titulei Do que Cunqueiro non contou do meu señor don Merlín, na que tento dar a clave da misteriosa e longa presenza do mago en terras de Miranda.

Canto escribo está impregnado do humor, ou, para ser máis preciso, do humorismo. Pero un dos límites do humorismo é a traxedia, e ningunha pode selo tanto como unha guerra civil. Non escribo sobre a guerra española, pero un imperativo ético levoume ao ordenador para teclear a Carta a Binucha, que abre o libro Retallos da memoria, editado en el año 2007 por varios concellos coruñeses. A repercusión mediática desta narración superou con moito as miñas previsións e fixo posible a rehabilitación dunha familia na que todos os membros foron auténticos heroes morais, e pagárono durísimamente.

Literatura infantil e xuvenil

Resúltame difícil escribir fóra dos límites do humor, concretamente desa forma de humor que deberiamos chamar “humorismo” para diferenciala da “comicidade” e da “sátira”. O humorismo diríxese á intelixencia e ao corazón do lector para non deixalo rir a gusto, para lle crear mala conciencia do riso, e trocar o riso inicial en sorriso e emoción. En clave de humor escribín numerosos contos infantís para os meus programas radiofónicos. Un deles, o titulado Boliche, foi premiado nun certame da Agrupación Cultural O Facho, de A Coruña, nos anos 70, e editado no 1982.

Cando a editorial Casals me pediu un texto para a colección O trolebús, dirixida a un público xuvenil, escollín algunhas das narracións breves que lera na radio, e dnlles unidade para recrear o mundo dos rapaces da posguerra española, que eu vivín no meu Ferrol natal. Tituleino Sorrir en Frades, no sei por que; quizáis por simple eufonía. Hai varios Frades en Galicia, pero o que eu describo só existe no meu maxín. Alguén explicou moi ben a idea do libro nesta breve reseña: “En esta obra, el autor-narrador relata en primera persona recuerdos y anécdotas de su infancia. La acción se sitúa en Frades, un pueblo de la Galicia marinera, y transcurre durante los años inmediatamente anteriores y posteriores a la Guerra Civil. El autor utiliza este lugar imaginario como marco para las imágenes en las que evoca a sus abuelos, padres, vecinos y amigos. De este modo, es capaz de configurar una colección de anécdotas que reflejan de forma sucinta la vida cotidiana de la época”.

Penso que en Sorrir en Frades están algunhas das miñas mellores narracións humorísticas.

Teatro

O creador do humor gráfico galego foi Castelao, pero tería que selo Xosé María Cao Luaces, de non emigrar á Arxentina con só vintecinco anos. Cao admirou ao caricaturista anarquista Eduardo Sojo, que dirixía en Buenos Aires o xornal satírico Don Quijote, enfrontándose ao goberno do xeneral Roca e sufrindo o acoso da censura e da policía. Sojo e os seus escasos colaboradores conseguiron o que semellaba imposible: que no 1890 os traballadores de Buenos Aires se erguesen en armas contra o gobierno e que o xeneral Roca tivese que dimitir. Cao entrou en Don Quijote e dirixiu a publicación cando Sojo , despois do éxito, volveu a España para tentar repetir a experiencia.

Lendo os editoriais de Don Quijote nos anos que Sojo e Cao coincidiron no semanario, cheguei a maxinar a relación de amizade  que xurdira entre eles e o drama que para ambos tivo que supoñer a separación, cando o gobierno decretou o peche de Don Quijote despois doutra revolución fanada, en 1893, na que Cao, desde a dirección, tivera especial protagonismo. Con absoluta fidelidade á documentación da época escribín a comedia en cinco actos Hai que confiar na esperanza, coa que obtiven o Premio Álvaro Cunqueiro, no ano 2003.

Hai que confiar na esperanza é a única peza teatral que publiquei, pero desde o ano 1998 veño escribindo teatro radiofónico para o programa Corre Carmela que chove, que emite Radio Voz os sábados e domingos para toda Galicia, e que durante o 2011 emitiu tamén a cadea de televisión VTv de La Voz de Galicia.

Ensaio

1 comentario en “Sobre Siro escritor

  1. Siro es padre del monólogo: Él lo arropa, lo crea, lo mima, lo bebe, y se mete en las retinas de sus escuchantes, dibujando y coloreando hasta dejar en silencio el espacio. La risa es grata, el respirar necesario, pero ambos: risa y oxígeno se regatean para no quitar universo narrativo a Siro.
    Siro es grande, envuelto en la sencillez no al uso de ningún momento y menos en los actuales donde la farsa y la cultura de “tienda de todo a cien”; es lo que vende. Los que son, no necesitan prodigar, tan solo con estar en ese rincón manante de cultura y sencillez, ya es suficiente sin la envoltura ridícula y falsa de los que pretenden ser y no son nada.
    Siro, Siro es muy grande.
    ¡Feliz Navidad 2012!

    Rosa Maria Milleiro

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies