“Siro” o libro da miña vida

Libro_Siro_Diputacion_A_Coruña_2018Digo que este libro, editado pola Deputación de A Coruña, é “o da miña vida”, non porque sexa biográfíco –que o é, en parte, polo que de min se fala na conversa que manteño con Pedro Taboada- senón porque nin en soños podería imaxinar que do meu facer artístico e literario se ocupase unha publicación de tanta cualidade. É un extraordinario agasallo da Deputación, que agradezo desde o fondo da miña alma; un agasallo que se duplicou ao presentalo o pasado da 19, o do meu 75 cumpreanos. Acadar os tres cuartos de século, con tan precioso libro nas mans, escoitando as valoracións xenerosísimas que de min e da miña obra fixeron Pedro Taboada, coordinador do libro; Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; Goretti Sanmartín e Valentín González Formoso, vicepresidenta e presidente da Deputación; rodeado de tantos amigos que enchían o “salón Juanjo Gallo”, foi a celebración perfecta.

Da perfección do acto faláronme moitos asistentes. O escultor Ferreiro Badía díxome: “Esto no podría hacerse mejor”, e Víctor Rico comentoume: “É o libro da túa vida e ti tiveches a actuación da túa vida”. Comprendo a opinión do benquerido Víctor porque conmover e facer rir ao auditorio asegura o éxito, pero a miña actuación non foi tan boa como eu quixera e direivos por que.

Malia a miña timidez patolóxica, non me sinto intimidado nin conmovido en actos coma este, dos que vivín moitos. Por iso nunca levo notas sobre o que vou dicir e improviso un discurso de gratitude, axeitado ao que falaron os demais. Nesta ocasión tampouco me sentía afectado nin polo libro, nin polos eloxios dos oradores, nin pola presenza de tantos amigos, nin por celebrar dun xeito tan orixinal e precioso os meus setenta e cinco anos. Ata que empecei a falar. Entón decateime de que tiña problemas para seguir un fío condutor e, sobre todo, problemas de memoria. Por iso ao expresar os agradecementos tiven a prudencia de advertir que sería inevitable esquecer algún, e fixen ben porque esquecín dous nomes importantísimos na elaboración do libro: Xosé Cobas, o maquetador, e Carlos Laíño, o meu colaborador ao componer cada páxina, día tras día, durante todo o proceso. A Pedro Taboada e Carlos Laíño dediqueilles o libro e gustaríame dedicaríallo tamén ao amigo Cobas. Non podía ser porque, como funcionario da Deputación, non fixo máis que cumprir co seu deber; pero el e eu sabemos que na creatividade desta maqueta puxo tanto amor como se o libro fose seu.

En fin, o libro está xa nas librerías e seica se vende ben. Espero que chegue a moitas mans e que quen o vexa descubra que, ademais de caricaturas e debuxos de humor, fago moitas outras creacións, moi distintas en estilos e técnicas, e de cualidade semellante.   

3 comentarios en ““Siro” o libro da miña vida

  1. Parabens! Se va haciendo justicia a éste gran artista,escritor, pintor, caricaturistaYa era hora! Un gran abrazo.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies