A risa que molesta. Por Siro

siro_charlie_hebdo_3Ser humorista non debería ser unha profesión de risco porque quen fai rir, faise querer. Sen embargo esta afirmación só é válida para o autor cómico, que busca a risa pola risa e divirte con alardes de enxeño en temas que non molestan a ninguén. Non se pode dicir o mesmo do autor satírico, que procura a risa do público coa ridiculización de alguén ou de algo socialmente relevantes. Por eso nas dictaduras non se permite a sátira política, e nas democracias sempre hai alguén que quixera prohibila.

 O fanatismo relixioso

Ao fanático relixioso moléstalle a risa. Os fanáticos relixiosos non rin porque o Deus bíblico non é un Deus amable, senón un Deus terrible e temible. No xudaísmo Xeová é temido, e tamén o cristianismo se viviu moito tempo máis no temor de Deus que no amor a Deus. En O nome da rosa o monxe bibliotecario, Jorge de Burgos, mata a cantos teñen acceso ao Libro da risa, o segundo da Poética de Aristóteles, porque o home que ri síntese libre e deixa de temer a Deus.

Profesión de risco en España

Por eso, en contra do que poidese parecer, a de humorista foi sempre e en todas partes, mesmo en España, unha profesión de risco.

Don Francesillo de Zúñiga, bufón de Carlos V, autor de Crónica burlesca del emperador Carlos V, foi asasinado por orde dalgún noble molesto coas súas chanzas.

Quevedo coñeceu e sufriu os cárceres da Inquisición pola súa “indecencia del discurrir, la libertad del satirizar, la impiedad del sentir, y la irreverencia del tratar las cosas soberanas y sagradas”.

A revista satírica catalana e catalanista, Cu-cut!, con sede en Barcelona, foi asaltada o 25 de noviembre de 1905 por un cento de mililitares, molestos por unha viñeta de Joan Junceda, na que un civil e un militar comentaban o banquete celebrado pola Lliga Regionalista despois do éxito obtido nas eleccións municipais.

-¿Qué se celebra aquí que hay tanta gente?

-El Banquete de la Victoria,

-¿De la victoria?, Ah, vaya, serán paisanos.

Para calmar os ánimos do exército, o Goberno promoveu a Ley de Jurisdicciones, vixente entre 1906 e 1931, que poñía baixo xurisdicción militar as ofensas á unidade da patria, a bandeira e a honra do exército; e que supuxo un recorte importante nas liberdades públicas, sobre todo na liberdade de expresión.

Durante a Guerra Civil foron fusilados os humoristas gráficos republicanos Carlos Gómez Carrera (Bluff), Modesto Méndez Álvarez, Luis Huici Fernández e o editor Vicent Miquel Carceller. Robledano foi condenado a morte, pero conmutáronlle a pena pola de 30 anos de cárcere.

O bando republicano asasinou ao escritor Muñoz Seca e, que eu saiba, a ningún humorista gráfico, porque Areuger, debuxante de Gracia y Justicia e de El Debate, apareceu morto no sótano de El Debate sen signos de violencia. Pero foron perseguidos, entre outros, Herreros, K-Hito, Kin e os escritores Edgard Neville e Wenceslao Fernández Flórez.

Nos anos setenta moitos humoristas pasaron polos tribunais de Xustiza –eu dúas veces-, e a Forges e a min abríronnos consellos de guerra. Non sei se o seu foi adiante, pero o meu si, e amnistioume o rei Xoan Carlos.

En 1971 din a miña primeira conferencia na Sociedade Deportiva Ferrándiz, no meu barrio. Trataba sobre “O humor en Galicia”, e minutos antes de empezar, chegou á porta do local un jeep da policía armada, cun teniente e dous números. O teniente entrou e sentou en primeira fila, o jeep cos dous gardas quedou na porta; eu falei e o teniente comentoulle ao publicista Carlos Perille que nunca pensara rir tanto nunha conferencia. Meses despois iría ao mando dos policías que se enfrontaron aos traballadores de Bazán o 10 de marzo de 1972.

Noutras dictaduras

Despois do trunfo da Revolución rusa, non se permitiu a sátira política porque se o sistema era perfecto, non había razón para a denuncia. As sátiras coonsideráronse propaganda antisoviética e os autores pasaron polo gulag. O mesmo pasou na Alemania nazi, e máis recentemente na dictadura miitar arxentina. A Hitler molestáballe tanto verse en caricatura, que o goberno alemán protestou oficialmente ante o británico polas caricaturas que lle facía en Londres o debuxante David Low.

Países árabes

En distintos países árabes houbo nos últimos vintecinco anos humoristas asasinados e outros que sufrirón penas de cárcere, ademáis dun certo número de “latigazos”. A irracionalidade destas sentencias ten un referente claro no caricaturista deportivo Manouchehr Karimzadeh, condenado en 1992 a cincuenta trallazos, un ano de cárcere e unha forte multa. Cumprida a condena, a Corte Suprema de Irán acordou xuzgalo de novo e condenouno a outros dez anos de cárcere. O delito do viñetista fora criticar a baixa calidade do fútbol iraní e debuxar un futbolista que recordaba o ayatolá Jomeini nos anos mozos.

O ataque a Chalie Hebdo

Os franceses teñen unha importantísima tradición na loita polas liberdades a través das publicacións humorísticas. Dende Daumier a Wolinski, o máis veterano dos debuxantes asasinados en Charlie Hebdo, son moitos os nomes que se enfrontaron á intolerancia con auténtica heroicidade.

En 1835, baixo a lei que restablecía a censura, desaparecía a revista satírica La Caricature, fundada cinco anos antes por Charles Philipon –caricaturista famoso pola enxeñosa transformación do rei Louis Phillippe nunha pera e pola apaixonada defensa das liberdades a través do humor gráfico-. O día que se viu obrigado a pechar a publicación, escribiu un editorial que dicía:

Para romper os nosos lapis precisaron unha lei contra nós; unha lei que fai materialmente imposible seguer a obra que viñemos realizando teimudamente malia as incontabeis incautacións, arrestos inxustificados, multas esmagadoras e longas detencións. Resistímolo todo, porque tiñamos ese valor que dan a consciencia de exercer un dereito e a certeza de obrar ben.

¡Si, nós obrabamos ben!

Desenmascaramos aos comediantes que actuaron durante quince anos, a todos os apóstatas da libertade, poñéndoos na picota da nosa publicación e dando despiadadamente a súa imaxe á irrisión do pobo que eles explotan. Agora poden romper as denuncias que a nosa xustiza puxo sobre as súas cabezas, mais non lles será tan doado borrar ou facer olvidar os estigmas de vergoña con que os sinalamos estes cinco anos.

 Publicacións como L´Assiette au beurre, Le Canard enchaîné e Charlie Hebdo deron continuidade a La Caricature e Charivari, e serven de exemplo en todo o mundo occidental. En 2006 Charlie Hebdo sufriu un atentado por reproducir as viñetas de Mahoma, publicadas polo diario danés Jyllands-Posten. Nunha entrevista de Gemma Nierga, o redactor Philippe Lançon, ferido no recente atentado, dicía: “Se cedemos, primeiro nos quitarán o humor e despois a liberdade”.

Cando hai vinte anos un portavoz de Al Kaeda nos advertía de que “Aqueles que nos combaten coa pluma serán combatidos coa espada”, falaba de pluma e lapis.

 

1 comentario en “A risa que molesta. Por Siro

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies